A hexemonía galega no Enduro estatal púxose de manifesto no Campionato de España – Toyota Nipocar celebrado esta fin de semana en Moaña. O elite Toni Ferreiro (Coruxo) e a sub23 Desiree Duarte (Selección de Galicia) lideraron cos seus triunfos nas clasificacións absolutas o festival dos riders anfitrións. En total, a ‘armada autonómica’ sumou catorce presenzas no podio, superando a súa anterior mellor marca: doce no 2015 no Porriño.
O THC Bike encargouse desta cita que reuniu a máis de 300 participantes nos montes do Morrazo. O club moañés, con soamente catro anos de vida e tres probas organizadas, decidiu apostar por asumir todo un campionato de España. Gañas e ilusión non lle faltaron aos seus membros, que realizaron un traballo exemplar. A súa paixón por esta disciplina quedou patente.
O evento atraeu a moito público, que animou a todos os corredores, especialmente os galegos. Boa parte dos espectadores optaron por achegarse ao salto final para gozar co espectáculo nun punto no que había un premio económico para o rider que voara máis metros.
O percorrido de 35 quilómetros de lonxitude, con cinco treitos cronometrados, alcanzaba os 1.500 metros de desnivel positivo acumulado. O trazado resultou exquisito para a maioría dos corredores, coa chuvia da noite anterior incrementando o agarre e restándolle algo de dificultade técnica.
Despois do subcampionato do pasado ano, Ferreiro desquitouse na súa terra. O vigués acadou o ouro cun rexistro de 15 minutos e 55 segundos, mellorando en 2″ ao defensor do título elite Édgar Carballo (Vadebicis). Terceiro na clasificación scratch rematou outro elite, Iago Garay (Santa Cruz). Nesta categoría raíña masculina, Rubén Rodríguez (4º) e Pablo Míguez (6º) asinaron dous postos de Top-10 para a Selección de Galicia. Jonathan Sousa (17º) completou a actuación do combinado autonómico.
Lucindo as cores da súa federación Desiree Duarte ratificou a súa condición de mellor rider no panorama español. A ponteareá impúxose por diante de dúas elites. Cun crono de 19:26 distanciouse en 2:06 de Marina Ruus (Odena) e en 2:31 de Sandra Jorda (Orbea). Na táboa scratch feminina Isabel Castro (Condado Bike) finalizou décima, sendo a mellor máster-40. Porén, non recibiu o maillot de campioa ao non alcanzarse o mínimo de participantes na súa categoría.
Nos sub23 masculinos Nicolás Carrera (Galicia) fíxose co bronce, concluíndo a 16″ do gañador Gabriel Torralba (Aragón). Alejandro Ledo, o outro representante da selección anfitrioa, obtivo a duodécima posición.
En canto aos juniors, os metais autonómicos chegaron por partida dobre. Mario Fernández (Galicia) adxudicouse a prata. Tan so o superou Ignacio Valverde (Madrid), vencedor con 14″ de marxe. O podio completouno Marco Martínez (Corbelo), que se anotou o duelo polo bronce por diante de David Fernández (Galicia). Ismael Romero e Martín Romero, ambos do combinado galego, terminaron noveno e décimo, respectivamente.
Masters
Na colleita de medallas da Selección nove chegaron nas categorías de máster e catro foron de ouro. Manuel Pellón vestiuse coa camisola de campión de España nos máster-30 A e compartiu caixón co seu compañeiro de selección Santos Lemos, que logrou a terceira posición. Outros dous riders galegos pisaron o podio nos máster-30B. Daniel Molanes (THC Bike) conquistou a prata e Xacobe Melón (Bici O Con), o bronce.
Os dous grupos de idade máster-40 dominárono os pilotos locais. Tony Pérez (Galicia) sumou un novo título ao seu palmarés na categoría A, triunfando por diante de Pablo Mallo (+Enduro). Mentres, no máis alto da clasificación Máster-40 B situouse Esteban Lorenzo (Bici Verde).
Tampouco fallaron os especialistas máster-50. Na categoría A, o bronce obtívoo Carlos José Táboas (Galicia) e na B a primeira posición non a deixou escapar Carlos Mariño (Komanche).
Por último na competición de E-Bikes, que se disputaba ao marxe do campionato, o máis rápido foi Saúl Veiga (X Bikes), con Marcos Araújo (MR Bikes) ocupando a terceira praza.
Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo