O domingo 25 de abril celébrase en Monforte o Galego de Freestyle e de Técnica en parellas e tríos

Será retransmitido por streaming. Novamente as medidas de protección anti COVID-19 serán protagonistas na proba.

0

 

A Coruña, 23 de abril de 2021. Este domingo 25 de abril celebrarase en Monforte de Lemos o Campionato Galego de Freestyle e de Técnica en parellas e tríos. Esta proba será clasificatoria para o vindeiro Campionato de España, cuxa celebración está prevista a finais de maio.

En total serán 80 os deportistas participantes nestas modalidades e unhas cen persoas as que moverá este campionato no que se pechará o Galego de Técnica coa participación das parellas e os tríos e ademais se celebrará o torneo na modalidade de freestyle.

Como xa sucedeu cos torneos celebrados con anterioridade, as medidas anti COVID-19 marcarán o desenvolvemento da proba. Para a celebración do torneo só se utilizarán dúas pistas de competición e antes de cada participación as pistas serán desinfectadas. Ademais todos os participantes, arbitro/as e membros da organización pasarán un test serolóxico antes da proba. O torneo realizarase, en horario de mañá, a porta pechada, pero será retransmitido por streaming para que todo o taekwondo galego poida ver aos seus deportistas.

https://www.youtube.com/channel/UC0Nj3vrxczjoN9-UatOx55g

Ao remate da competición, celebrarase un adestramento da selección galega de técnica individual, que se clasificou o pasado 27 de marzo en Domaio.