O Consello Municipal de Deportes destina un total de 860.000 € en axudas a eventos, deportistas e clubs da cidade de Ourense

0
  • O Auditorio Municipal acolleu esta mañá o acto de entrega das axudas a 59 deportistas individuais, ao que asistiron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o concelleiro de Deportes, Mario Guede.

  • A esta cantidade hai que lle engadir os diferentes liñas de apoio: a clubs deportivos (735.000 a través da liña 1) e a eventos deportivos (a través da liña 1, 100.000 euros).

O Consello Reitor do 21 de decembro de 2017 resolveu a concesión de bolsas a deportistas individuais convocada no BOP nº 194 do pasado 24 de agosto de 2017. Estas achegas supoñen un total de 25.000€, “o que deixa constancia da grande aposta do Consello Municipal de Deportes, e polo tanto do Concello de Ourense, polo deporte”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante o acto de entrega destas axudas, celebrado esta mañá no Auditorio de Ourense coa presenza do concelleiro de Deportes, Mario Guede.

Porén, o apoio do Consello Municipal de Deportes ao deporte local acada un total de 860.000 euros nas súas tres liñas. Ademais da do apoio a deportistas individuais, está o apoio a clubs deportivos (liña 2), cunha partida orzamentaria de 735.000 €. En total, foron 86 os clubs -con preto de 9.000 deportistas nas súas filas- que recibiron axudas municipais. Tamén está o apoio a eventos deportivos (liña 1), que este ano chegaron a 50 eventos deportivos con 100.000€, buscando sempre colocar a nosa cidade no ollo dos eventos deportivos a nivel provincial, autonómico e nacional.

Colaborar, motivar e animar

A liña 3 de axudas é para os deportistas de máis nivel da nosa cidade, co gallo de que continúen coa súa práctica deportiva e leven o nome de Ourense por todo o país, mesmo ao estranxeiro. Estas axudas abranguen a rapaces de menos de 18 anos (iniciación), e máis de 18 anos cunha traxectoria deportiva salientable (cualificación). “Estamos orgullosos de vós e esperamos que consigades, cando menos no 2.018, os éxitos da pasada tempada”, dixo Vázquez Abad.

“Resulta complicado xuntar, nunha mesma convocatoria, tantos deportes: desde salvamento ou natación, pasando polo hípica ou tiro olímpico, ou Jiu Jitsu e Wushu”, comentaba o edil Mario Guede. Nesta convocatoria houbo un total de 72 solicitudes das cales reciben bolsa 59 deportistas ao obter a puntuación suficiente ou estar por riba dos mínimos sinalados na convocatoria.