Ourense, 11 de outubro de 2019.- O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes  de Ourense aprobou, na sesión do 10 de outubro, as Subvencións a entidades deportivas do Concello de Ourense para os gastos de funcionamento no ano 2019. Repartíronse un total de 670.000 € entre 76 entidades deportivas de 27 disciplinas diferentes, tendo especial sensibilidade cos deportes minoritarios, de competición e de base.

As bases que rexen este procedemento valoran a todos os clubs do Concello que solicitan esta axuda tendo en conta os seguintes criterios: número de licenzas en función do nivel competitivo das mesmas. As licenzas pertencentes a entidades deportivas subvencionadas son 8.368.

O número de licenzas deportivas de menores de 18 anos ascende a 6.145, o que supón que o 73,4% do total. En categoría feminina contabilízanse 2.707 licenzas, o que supón un 32,34% das licenzas subvencionadas. No Anuario de Estatísticas Deportivas 2018 publicado polo Consello Superior de Deportes pódese comprobar que a porcentaxe total de licenzas deportivas femininas en toda España supón un 23% do total. Na nosa cidade está 10 puntos porcentuais por riba deste número de licenzas femininas.

Entre os criterios de valoración para a concesión das axudas está tamén o número de quilómetros en desprazamentos a competicións: en total valoráronse 576.090 quilómetros a múltiples lugares, sobre todo de Galicia, pero tamén en territorio nacional e estranxeiro.

O procedemento que rexe esta concesión é a concorrencia competitiva, co que cada club recibe unha puntuación segundo o datos obxectivos achegados. A suma de puntuacións totais obtidas por todos os clubs divídese entre a partida orzamentaria, da que se obtén un prezo por punto que orixina os importes de cada unha das entidades.

Subvencións a eventos deportivos. Outra liña de apoio é a liña 1 de axudas a eventos deportivos de especial transcendencia, tanto deportiva como social, na cidade. Esta é unha partida duns 100.000€ que permite subvencionar 40 eventos deportivos de todas as disciplinas na nosa cidade.