O Consello Municipal de Deportes de Ourense convoca subvencións a clubs deportivos e resolve as bolsas de deportistas individuais

0
  • Hoxe celebrouse a segunda sesión telemática do Consello Reitor desde que se declarou o estado de alarma, para non deter os procesos administrativos vinculados ao organismo autónomo.

  • O prazo de presentación das solicitudes amplíase no caso das subvencións por funcionamento das entidades deportivas, de 30 días a 60 días desde a publicación no BOP da convocatoria.

  • O CMD estuda compensar as cotas dos aboados nos períodos non desfrutados.

Ourense, 16 de abril de 2020

O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes celebrou hoxe unha reunión telemática extraordinaria, a segunda desde que se declarou o estado de alarma, para aprobar a convocatoria de subvencións a clubs deportivos e resolver as bolsas para deportistas individuais. A primeira, celebrada o primeiro de abril, xunto coa de hoxe, permiten minimizar o impacto da crise sanitaria no tecido asociativo da cidade, deportistas individuais e provedores.

Un dos puntos da Orde do Día da sesión de hoxe foi a convocatoria de subvencións en materia deportiva para entidades deportivas, ben por organización de eventos ben por gastos de funcionamento. O prazo de presentación das solicitudes amplíase no caso das subvencións por funcionamento das entidades deportivas, segundo o articulado derivado da declaración do estado de alarma, de 30 días a 60 días desde a publicación no BOP da convocatoria. Deste xeito, os clubs poden ir preparando a súa documentación e axilizar o trámite da valoración e concesión.

Outro dos puntos foi a resolución de Bolsas a deportistas individuais no que se conceden axudas a deportistas de iniciación (menores de 18 anos) e de cualificación (maiores de 18 anos). As bolsas van desde 150 euros de menor contía aos 800 euros e sempre vinculados ao mellor resultado competitivo do ano 2018. A través dos medios electrónicos habituais publicarase nos vindeiros días o procedemento de xustificación.

Tamén se aprobaron facturas que permiten efectuar seu pagamento a provedores.

Fóra da orde do día, abordouse o tratamento dos aboamentos dos usuarios. A intención inicial do Consello Municipal de Deportes é compensar as cotas aboadas dos períodos non desfrutados, estando en estudo o mecanismo administrativo que implemente esta intención.

Obras nos Remedios. As obras de reforma do Pavillón dos Remedios retomáronse nesta semana, xunto cos últimos retoques do campo de fútbol de Vilar de Astrés. Tamén se realizaron reparacións nas piscinas de Oira logo das crecidas do Miño no mes de decembro, en previsión dunha futura apertura.

O Consello Municipal de Deportes, adaptándose ás condicións de confinamento, está a desenvolver o seu traballo administrativos grazas á implicación do seu persoal e ás aplicacións de administración electrónica que emprega. Tamén está a desenvolver traballos de mantemento básico das instalacións segundo o legalmente establecido.