-
Desenvolverase os días 10, 12, 24 e 26 de agosto
-
Iniciaranse en deportes coma o hidropedal, kayak recreo, paddle surf, windsurf e vela en barco.
-
Prazo de inscrición: desde as 10.00 horas do venres 30 de xullo até as 23.59 horas do martes 3 de agosto, en www.educacionourense.com
Ourense, 29 de xullo de 2021.- A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza unha nova actividade de verán para a mocidade de 7 a 18 anos. O Bautismo Náutico quere achegar a práctica dos deportes náuticos de forma lúdica, de forma que os mozos e mozas poidan adquirir fundamentos básicos e pasar unhas xornadas divertidas aprendendo deportes de auga coma o hidropedal, o kayak de recreo, o paddle surf, o windsurf ou a vela en barco.
As actividades realizaranse no Club Náutico de Castrelo de Miño os días 10, 12, 24 de agosto en horario de 10.00 a 13.30 horas, e o 26 de agosto, de 16.00 a 19.30 horas. Cada persoa poderá inscribirse nunha soa data, tendo como únicos requisitos imprescindibles ter 7 anos cumpridos e saber nadar -haberá que asinar unha declaración responsable-.
O prazo de inscrición ábrese mañá, venres 30 de xullo, desde as 10.00 horas, e pecharase ás 23.59 horas do martes, 3 de agosto. Deberá facerse a través do formulario que se pode atopar en www.educacionourense.com Unha vez inscritas e admitidas, deberán formalizar a matrícula seguindo as instrucións que poderán atopar nese mesmo espazo web.
A actividade estará rexida en todo momento polo protocolo e normas Covid.
Valores e natureza. Nesta etapa de pandemia, a Concellería de Educación fomenta actividades lúdico-didácticas na natureza, ao aire libre, aproveitando os recursos da nosa provincia, coa intención de inculcar o respecto aos demais, o traballo en equipo, de valorar o noso patrimonio etnográfico, cultural e natural e a necesidade de conservar o medio ambiente.