O Compos quere seguir na boa onda contra o Pontevedra

Os branquiazuis afrontan un derbi de altura en Pasarón co obxectivo de regresar á senda triunfal.

0
Foto: Amadeo Rey.

 

Santiago de Compostela, a 19 de Febreiro de 2021.- Tras dúas vitorias e dous empates, a SD Compostela quere seguir na boa onda. Chegamos á recta final do campionato e os nosos buscan seguir sumando para manterse nunha zona tranquila. Para iso, este domingo, en Pasarón, tentarán regresar á senda da vitoria contra o Pontevedra, un derbi de altura para seguir soñando.

 

Baixas

Hoxe (por onte) era un día clave con certos xogadores que tiñan unhas molestias e que non estaban ao 100%, porque era o día para testalos, pero non puidemos adestrar no campo pola alerta, aínda que penso que poderíamos facelo perfectamente, así que mañá (por hoxe) valoraremos. Primo e Hugo fixeron cousas co grupo e as sensacións son que poden participar, mentres que outros como Baleato ou Josiño tiveron molestias a principio de semana e veremos como chegan. As baixas seguras son as de Juampa e Gabri.

 

Adaptarse ás circunstancias

Case me preocupa máis a nosa situación que o Pontevedra. Gustaríame ir o domingo a Pasarón cunha semana de adestramento normal, pero non será así. Temos que adaptarnos ás circunstancias, non só de baixas, senón tamén alleas.

 

Novo Pontevedra

Teñen un adestrador novo, que non o é tanto. Coñece ao club, a súa idiosincrasia, e aos xogadores. Sabemos perfectamente o tipo de adestrador que é, o efecto que ten nos seus equipos, ese xene tan pasional e competitivo, e semella que nas dúas últimas xornadas estamos vendo a ese Pontevedra que chega moito a área rival, tampouco sen elaborar demasiado, un equipo moi vertical, que chega con moita xente a área e moi incisivo.

 

Un equipo que se crece ante as adversidades

Querería levar o partido un pouquiño máis traballado, dentro das nosas semanas habituais, pero creo que en semanas complicadas e adversas, como dixen anteriormente, é cando este equipo rende aínda mellor e estou seguro que esta semana non vai a ser menos.

 

Potencial atacante do Pontevedra

Sempre intentamos, na medida do posible, que os rivais nos xeren poucas ocasións e deixar a portería a cero, e as estatísticas así o din. A partir de aí, medímonos a un rival que xera ocasións practicamente da nada. Ten moi bos futbolistas, que poden combinar e facer moitas cousas, pero sobre todo destacaría deles as dúas referencias arriba moi claras, Charles e Rufo, acompañados de xente moi veloz por fóra. Con dous/tres pases son quen de plantarse na área rival, polo que deberemos ter moi controlado iso para o domingo estar, entre aspas, cómodos.

 

Posible partido

Creo que, tendo en conta o rival e a tipoloxía dos seus xogadores, moi físicos e do perfil do Ferrol, nos virán a apertar arriba, intentar facer un partido incómodo para nós, buscando en certos momentos moito contacto e que non encontremos a fluidez con balón. A partir de aí, róubolle a frase a Luís, o fútbol é dos futbolistas. De aí vai a ir o devir, segundo como estean os xogadores dun e doutro. Dende logo, temos claro o que nos encontraremos enfronte e o que queremos facer nós, pero teremos que agardar ao domingo para saber como estamos.

 

Plan de partido

Teño claro o tipo de partido, pero si é certo que con todas estas situacións, non teño claro quen serán os protagonistas. Xoguen uns ou outros, o equipo é capaz de facer a idea colectiva. Esta semana faltáronnos días para poder traballar o partido, polo que a día de hoxe non teño claro quen van a ser os protagonistas, sobre todo en certas posicións, e aí estará a clave.

Posibles protagonistas

Isto é un xogo colectivo e vai de sinerxías, porque as asociacións cambian en función dos xogadores. Non é o mesmo que xogue Primo ou Brais, ou que estea Josiño ou outra tipoloxía como Samu ou Baleato, pero témonos que adaptar. En función do que mañá (por hoxe) vexamos, e as sensacións dos propios xogadores, tomaremos a decisión. A sesión do ximnasio foi un adestramento máis a nivel psicolóxico que físico, polo que mañá decidiremos.

 

Un equipo

O de Juampa son danos colaterais de xogalo todo. Un ás veces pode elixir cando pode prescindir de certos xogadores, e outras non. Este ano, polo formato e polo plantel curto, non podemos prescindir de ninguén. O que si é certo é que perdemos a Pablo Antas na semana na que están de baixa certos xogadores por lesión, e nesta, perdemos a outros. Ao final, somos un equipo, con vinte no plantel e xuvenís, e hai que apertar os dentes todos, pasar estes altibaixos que hai ao longo dunha tempada e o equipo que máis enteiro estea a nivel grupal, mellor o pasará. O que non vamos a facer é buscar escusas, evidentemente son cousas que nos trastocan, pero isto é un equipo. Vamos ir a Pontevedra a polos tres puntos, xoguen uns ou outros, iso que o teña claro todo o mundo.

 

Un Pontevedra máis incisivo

Con Luís, nos dous últimos partidos, volveu a ser o Pontevedra incisivo, agresivo, que demostra o potencial que ten e que é o Pontevedra que todos agardabamos dende principio de tempada. Eses xogadores de altísimo nivel, con esa proa tan potente, con Charles, Rufo, Jorge, Calvillo e Álex González, aos que se suman as incorporacións no mercado de inverno. A maiores, teñen unha liña defensiva con xogadores como Xisco ou Pol Bueso, con experiencia no fútbol profesional. Parecía que estaban a pasar por un momento malo en canto a resultados e agora, co cambio de adestrador, semella que volven a ser ese equipo.