O Compos puido, pero non pasou do empate contra o líder

Un gol de Channarong, na segunda metade, evitou o triunfo local, logo do tanto inicial de Matías.

0
Foto: Amadeo Rey

 

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2021.- A SD Compostela puido, pero non pasou do empate na casa contra o líder, o Unión Adarve, nun duelo no que os nosos se puxeron por diante, pero non conseguiron matar a contenda e os visitantes alcanzaron a igualada na segunda metade. Cun punto máis, o Compos segue invicto nesta liga e mostrando unha gran imaxe diante do seu público.

Nun gran arranque de partido, Matías Vesprini, no 23, puido lograr o tanto que puña por diante aos nosos, grazas a un sensacional lanzamento de falta que entrou pola escuadra. Con todo, na segunda metade, no 71, un roubo en campo contrario foi aproveitado polos madrileños para equilibrar a contenda, mercé ao gol de Channarong .

Con ata cinco cambios no once inicial, a SD Compostela afrontaba o regreso ao fortín nun auténtico partidazo matinal contra o líder, o Unión Adarve. Coa firme premisa de manter a maquinaria engraxada como locais, os nosos quixeron dende un inicio, sen notar o cambio de pezas, impor un alto ritmo de xogo, faceta esta clave para tentar desconfigurar a solidez defensiva dos madrileños.

Demostrando esas boas sensacións iniciais e aproveitando o pulo de partida da afección, na mellor entrada do que vai de ano, aos 40 segundos xa soou o primeiro “uui” da mañá. Cunha boa combinación pola esquerda, na que se asociaron dúas das novidades de hoxe, Jimmy e Josiño, a pelota acabou nun enchufado Primo que, dentro da área, orientouna á súa destra e soltou un golpeo con efecto que se marchou rozando o poste.

Non só en xogada elaborada buscaban a área contraria os compostelanistas, senón que, en cada roubo de balón, as transicións rápidas eran outra gran arma a aproveitar. Nesta tesitura, Saro atopou ao espazo a Primo, no 11, o ariete cántabro avanzou entre os defensas, pero cando se dispuña a disparar, un central apareceu provincial para cortar o seu paso.

Con todo, non sería nin pola primeira nin pola segunda vía como acabaría chegando o merecido tanto para os nosos, senón a través dunha xogada a balón parado, como fai quince días, botada de maneira maxistral. Nunha falta en posición central, aínda que algo afastada, Matías Vesprini asumiu a responsabilidade, colocou o esférico, cargou o seu fusil e sen contemplacións disparou cunha parábola perfecta que se coou pola escuadra. Parra tocou o lanzamento do central arxentino, pero a súa boa orientación e potencia fixo imposible a parada do porteiro. Un golazo para abrir a lata.

Tralo tanto, os visitantes, demostrando a súa condición de líderes, deron un paso adiante no encontro, presionando máis alto e evitando que o Compos realizase o xogo que máis lle gusta. A pesar diso, nesa nova faceta defensiva dos branquiazuis, o repregamento facía efecto e o escaso perigo chegaba con disparos afastados que puido atrapar Pato sen problemas.

Aínda así, xa no desconto, habería unha ocasión inmellorable para os madrileños, nun balón longo, peiteado por Portero e rematado á rede por Cruz, pero o mediocentro estaba en posición adiantada, a instancias do liña. Por iso, co susto no corpo, chegouse ao intermedio coa vantaxe do Compos por 1-0.

Á volta dos vestiarios, dándolle máis pausa ao xogo, o Compos comezou a axitar o avespeiro, mellorando a circulación de balón para controlar a contenda, pero tamén para atopar espazos na zaga rival.

Eses ocos atopounos Primo na frontal, aproveitándoos para, primeiro, realizar un chut que saíu próximo ao poste e despois servir a asistencia para a entrada de Escudero, quen tentou o tiro potente coa zurda, pero fóiselle arriba.

Con todo, nun momento de tranquilidade, tras varios cambios seguidos, chegou o tanto do empate dos visitantes. O Adarve aproveitou un roubo en campo contrario de Mayorga, este percutiu pola zona central e deixoulla para que Channarong quedase só no man a man con Pato, primeiro rematou cruzado ao poste, pero o rexeite favoreceulle e meteuna a portería baleira.

Foi un xerro de auga fría para a parroquia local, pero os nosos non se viron abaixo e seguiron co seu plan de partido para buscar o tanto que lles dese vantaxe de novo. Volveron aparecer os ocos por fóra, con entradas de Rafa Mella, Escudero ou mesmo Josiño, pero os centros ou pases á área non atoparon rematador. Mesmo houbo unha ocasión final, na última xogada, nun córner pechado que Parra sacou no segundo pau.

Por tanto, o 1-1 xa non se moveu e o encontro acabou con reparto de puntos, unha igualada que deixa ao Compos invicto unha semana máis, aínda que esta matinal os nosos só pensaban nos tres. Co empate, segundo consecutivo, agora buscarase regresar á senda triunfal na difícil saída a Navalcarnero.

FICHA TÉCNICA:

1- SD COMPOSTELA: Pato; Saro (Roque, m.83), Álvaro Casas, Matías, Jimmy (Salado, m.83); Samu (R. Baleato, m.67); Parapar (Rafa Mella, m.67), Fer Beltrán, Josiño (Pablo Durán, m.85), Escudero; e Primo.

1- AD UNIÓN ADARVE: Parra; Gallardo, Ramos, Salama, Mayorga; Cidoncha (Tellechea, m.53), Channarong (A. Miñambres, m.85), Cruz; Albur (Silvano, m.53), Iker (Calleja, m.67) e Portero (Maganto, m.53).

GOLES: 1-0: Matías, min.23; 1-1: Channargong, min.71.

Árbitro: Cueto Amigo (Castela e León). Amoestou a Saro e R. Baleato, polo Compos; e a Portero, Albur e Iker, polo Adarve.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Partido da Xornada 11 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 1.300 espectadores, aproximadamente.