O Compos empata en Abegondo a pesar das adversidades

Os goles de Bicho e Primo igualan por dúas veces os dos locais nun duelo marcado pola actuación arbitral.

0
Foto: Amadeo Rey
Ficha técnica

2- RCD Fabril: Alberto; Valín, Bourdal, Juan, Martí Vila; Kanoute (Parga, m.65), Gandoy; Javi Sánchez, Villares (Novo, m.79), Aarón (Pedro, m.77); e Losada.

2- SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas, Soto, Sergio Pereira; Baleato, Pablo Antas; Miki (Brais Abelenda, m.67), Bicho, Hugo Sanmartín (Samu, m.77); e Primo.

Goles: 1-0: Losada, min.9; 1-1: Bicho, min.56; 2-1: Parga, min.85; 2-2: Primo, min.87.

Árbitro: Extremadura Hernández (Vigo). Expulsou a Bicho (m.72) por dobre amarela. Ademais, amoestou a Kanoute, Bourdal e Juan, polo Fabril; e a Saro, Soto, Primo, Sergio Pereira, Brais Abelenda e Álvaro Casas, polo Compos.

Incidencias: Cidade Deportiva de Abegondo. Partido da vixésimo cuarta xornada de liga do grupo 1 da Terceira División ante 700 espectadores.

 

Santiago de Compostela, a 16 de Febreiro de 2020.- A SD Compostela sacou un meritorio empate contra o Fabril en Abegondo, despois dun partido moi igualado no que a actuación arbitral desquiciou a ambos conxuntos. Choque de trens entre dous rivais moi ofensivos nos que, a pesar das decisións finais, os puntos acabáronse repartindo.

Póndolle o partido de cara, Losada adiantou aos coruñeses aos dez minutos, vantaxe neutralizada polo excanteirán local Bicho, na segunda metade. Xa con dez sobre o campo, Parga volveu pór a vantaxe para o Fabril, nun córner, pero ao minuto seguinte empatou Primo, logo dunha combinación de moitos quilates.

Abegondo amenceu cunha mañá anubrada para vivir un partidazo entre dous auténticos equipazos. Fabril e Compos chegaban ao duelo con dinámicas opostas, pero coa mentalidade clara que o encontro se ía a decidir por pequenos detalles. A pesar diso, ambos saltaron sen complexos ao verde, insistindo nas súas facetas ofensivas.

Deste xeito, non transcorreran nin tres minutos de xogo cando chegou a primeira opción compostelanista. Pablo Antas colgouna desde a esquerda para a cabeza de Primo, pero o remate do cántabro, en boa posición, saíu demasiado centrado e atrapouna Alberto.

Mentres tanto, na área contraria, e tras un primeiro aviso en forma de disparo de Javi Sánchez desde a frontal, chegou o primeiro tanto da mañá. Nunha xogada calcada á dos branquiazuis, Martí Vila puxo o centro desde a esquerda e Losada rematou de cabeza, pero no seu caso tivo a fortuna de que Pato escorregase no seu apoio, provocando que a pelota entrase mansamente na portería.

Co tanto en contra, tocáballe ao Compos dar un paso adiante e fíxoo. Asumiu a faceta de levar o peso do encontro e comezou a merodear a área de Alberto en ocasións continuadas. O primeiro en tela foi Hugo Sanmartín, logo dunha acción combinada entre Bicho e Miki que o deixou só na liña de fondo, pero sen espazo apenas, o seu disparo marchouse rozando o segundo pau.

Despois, preto da media hora, sería Bicho o que probaría os reflexos do xuvenil Alberto, que reaccionou ben para sacala debaixo dos paus. E nunha terceira ondada, Baleato rozou unha falta colgada de Hugo, pero non foi capaz de orientala para que superase ao porteiro.

Coas boas sensacións do final do primeiro tempo, o Compos saíu na segunda de novo cunha marcha máis, coa portería entre cella e cella. Asediaron tanto que, no 56, tras un carrusel de centros continuo, acabou chegando o gol. Ata catro balóns colgados desde ambas bandas houbo previos ao definitivo de Soto, tocado de puños por Alberto, pero o esférico caeu na frontal, Bicho baixouna co peito e fusilou coa esquerda.

Coa enerxía do empate, os branquiazuis fóronse arriba e puideron marcar o segundo nunha acción de contra na que Miki cruzou en exceso unha vez entrou na área, pero tamén apareceu Pato para atrapar o remate de Aarón, tras unha gran asistencia de Javi Sánchez.

Estaba o duelo precioso cando, no 72, en dúas accións entre as que pasaron dous minutos, Bicho tivo que irse expulsado ao vestiario. A primeira amarela chegou por protestar unha posible falta non sinalada e a continuación por un salto no que o colexiado interpreta que utiliza o cóbado.

A pesar de quedar con dez, e ao carrusel de cartolinas amarelas nas protestas, o Compos seguiu enteiro e seguiu índose ao ataque para buscar o segundo. Así, tívoa Brais Abelenda nunha acción pola dereita, na que se combinou con Primo, pero o seu disparo potente atopou as pernas de Alberto abaixo.

Con todo, na parte contraria, e tras un córner moi protestado polos nosos, chegou o segundo dos locais. Colgouna pechada Novo, o balón quedou morto no primeiro pau e Parga, moi atento, adiantouse aos defensores e cruzou ante Pato desde a área pequena.

Parecía o final do encontro, pero este Compos ten moita garra e levantouse máis forte que nunca para aos dous minutos volver igualar. Nunha xogada de gran nivel en ataque, Primo fixo unha parede preciosa para plantarse só ante Alberto e superalo cun gran golpeo coa súa perna esquerda.

Quedaba aínda o desconto, ambos equipos seguiron insistindo no ataque, pero xa nada cambiou, aínda que polo medio quedou unha xogada para o recordo. O colexio decretou perda de tempo ao non sacar Pato coa man, quen estaba a esperar a que Sergio Pereira fose atendido. Con todo, e demostrando grandes valores, o Fabril rexeitou o libre indirecto e mandouna directamente fóra, levando o aplauso de toda a bancada.

Terminouse así, con reparto de puntos, un duelo de moito nivel, dos mellores que se poden presenciar na categoría. Non puido chegar a sexta vitoria seguida pero o Compos acumula unha semana máis sen perder tras unha das saídas máis esperadas da liga. Toca agora sumar de tres, de novo, no Vero Boquete co apoio dos nosos.