O Compos disputará o playoff exprés a Segunda B

O club agarda por nova documentación para tramitar a inscrición, insistindo no deber de controlar o cumprimento dos protocolos. O plantel e o corpo técnico agardan poder someterse aos test este sábado

0
Los jugadores del Compos celebran un gol de Gabri. Foto: Amadeo Rey.

 

Santiago de Compostela, a 3 de Xuño de 2020.- A xunta directiva do Compos reuniuse no día de onte cos seus avogados para tomar unha decisión sobre a posibilidade de xogar o playoff. Neste encontro, os letrados informaron ao club da deficiente redacción da documentación remitida pola Real Federación Española de Fútbol, se ben recoñeceron que os problemas eran máis de forma ca de fondo.

A directiva, trala información recibida o día anterior da Real Federación Galega de Fútbol e o informe dos seus xuristas, decidiu tramitar a inscrición no playoff exprés, se ben esgotará os prazos, á espera de que dende Madrid se envíe unha nova documentación que esclareza as dúbidas existentes.

A xunta directiva quere insistir en que se deben pór en marcha mecanismos de control para asegurar o cumprimento dos protocolos, e quere seguir facendo fincapé en que a día de hoxe a saúde é o primeiro, por riba de calquera ambición deportiva. Por iso, o club segue a botar en falla interese por parte dos organizadores da competición en que a seguridade sanitaria de todos os implicados estea asegurada.

Por outra banda, a SD Compostela aprobou tamén nesta reunión os protocolos que deberán cumprir todos os seus empregados dende o próximo día 8, data sinalada para o inicio dos adestramentos. Asemade, xa se remitiron ditos protocolos tanto ao Consello Superior de Deportes coma ao Concello de Santiago, titular das instalacións.

Antes dese día 8, todos os integrantes do plantel, corpo técnico, encargados do material e corpo médico serán sometidos aos test este sábado 6 de xuño, como paso previo ao inicio do novo camiño á Segunda B que todos agardamos ter rematado o vindeiro 25 de xullo, festividade do Apóstolo.

Por último, na xuntanza tratouse a posibilidade de que a afección poida asistir ao playoff exprés. A xunta directiva apoia esta opción, sempre que as autoridades sanitarias o permitan, e comparte a idea de que o fútbol sen seareiros non é fútbol real.