O Compos, campión da fase regular, asinou o billete para loitar polo ascenso a Segunda B

A SD Compostela xa está na final. O conxunto santiagués derrotou ao CD Barco (3-1) na primeira semifinal e xa agarda rival, que sairá do Ourense CF-Arosa SC.

0
Foto: FUTGAL

A SD Compostela xa está na final. O campión da fase regular no Grupo 1 da Terceira División asinou o billete para loitar polo ascenso tras derrotar na primeira semifinal desta fase de ascenso exprés ao CD Barco. Os de Yago Iglesias puxeron terra de por medio moi cedo despois de completar unha boa primeira metade. Malia todo, David Álvarez meteu ao seu equipo no choque na recta final do primeiro acto. Na segunda metade, o Barco foi arriba, malia que tampouco puxo en apretos a Pato Guillén.

De inicio foi o elenco preparado por Yago Iglesias o que quixo meterlle ritmo ao choque. O Compos apropiouse do esférico e xa avisou no minuto 3 nunha acción individual de Primo que sacou o gardameta Iván Oviedo.

O dominio do bloque santiagués obtivo os seus froitos no minuto 8 do choque co gol de Jimmy, que aproveitou un servizo desde a banda dereita de Bicho para, cunha volea, inaugurar o electrónico do Abanca Balaídos.

Así, e cando o Barco aínda non se repuxo do golpe, chegou o segundo do Compostela. Primo non fallou á súa cita co gol e rematou a pracer no segundo pau un balón peiteado por Soto á saída dun córner.

O 2-0 supuxo un auténtico xerro de auga fría para un Barco que nunca estivo cómodo no choque, polo menos durante os primeiros 20 minutos de semifinal. Os de Yago Iglesias, pola súa banda, seguiron ao seu e Miki tivo nas súas botas o 3-0, pero o seu remate cruzado sacouno Iván Oviedo.

Co paso dos minutos o encontro foi perdendo ritmo. O Compos, cos deberes feitos, controlou o tempo do duelo a través da posesión da pelota, mentres que o Barco quería, pero non podía.

Así, e cando todo parecía indicar que co 2-0 remataría a primeira metade, apareceu David Álvarez para meter ao Barco no partido cun auténtico golazo, un gol olímpico que deu ás ao colectivo preparado por Manolo Pérez.

Co 2-1 chegouse ao intermedio.

Tras o paso polos vestiarios, o Barco estirou liñas e foi a polo empate. Os de Manolo Pérez creron en que era posible e levaron ao Compostela ao seu terreo. Os pupilos de Yago Iglesias non estiveron cómodos en ningún momento, aínda que o bloque de Valdeorras tampouco foi capaz de poñer en apertos a Pato Guillén. A fatiga foi facendo efecto nos xogadores dos dous equipos co paso dos minutos.

Na recta final, Gabri Palmás sentenciou o encontro.

Ficha técnica

SD Compostela: Pato, Saro, Álvaro Casas, Soto, Jimmy, Samu (Josiño, min. 92), Pablo Antas, Miki (Hugo Sanmartín, min. 80), Bicho (Josiño, min. 92), Brais Abelenda (Baleato, min. 62) e Primo.

CD Barco: Iván Oviedo; Oli, Javi, Omar (Caique, min. 68), Ivi Vales, Juanito Bazo, David Álvarez, Rubén García, Segura (Andrés, min. 60) Íñigo Pisón (Paquito, min. 68) e Moreira.

Goles: 1-0, min. 8: Jimmy. 2-0. min. 17: Primo. 2-1, min. 44: David Álvarez. 3-1, min.95: Gabri Palmás.

Árbitro: Jesús López Fernández (Lugo), asistido nas bandas por Alberto Blanco Méndez e Ismael González Caramés. Amonestou con cartón amarelo a Iván Oviedo e Javi por parte do CD Barco.

Incidencias: Abanca Balaídos. Primeira semifinal da fase de ascenso exprés á Segunda División B. Antes do comezo do partido gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas da COVID-19.