O Compos cae por primeira vez no fortín tras un partidazo

0
Foto: Amadeo Rey

Ficha técnica

1- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Saro (Roberto Baleato, m.76), David Soto, Álvaro Casas, Jimmy; Samu (Matías Vesprini, m.76); Miki, Bicho, Josiño (Gabri Palmás, m.68), Juampa; e Brais Abelenda.

2- RC CELTA DE VIGO SAD B: Sequeira; Sergio Carreira, Ferrarés, Lucas, Carlos D.; Losada (Pampín, m.73), Markel, Diego Barri (Soni, m.60), Miguel Rodríguez (Solís, m.60); Manu Justo (Lautaro, m.78) e Josipovic (Gabri Veiga, m.60).

GOLES: 0-1: Manu Justo, min.5; 0-2: Manu Justo, min.9; 1-2: Miki Villar, min.43. Árbitro: García Verdura (Cataluña). Amoestou a Josipovic, Ferrarés, Onésimo (banco) e Soni, por o RC Celta B.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da décimo sexta xornada de liga do Grupo 1 Subgrupo A de a Segunda División B disputado ante 500 espectadores. Antes do inicio do encontro gardouse un minuto de silencio na memoria de Jonatan Viver.

Santiago de Compostela, a 6 de Marzo de 2021.- Os puntos escapáronse do fortín por primeira vez no campionato. A SD Compostela xogou un partidazo, no último derbi da primeira fase, pero acabou caendo ante a gran efectividade do Celta B. Houbo ocasións para lograr a remontada no fortín, pero os tres puntos marcharon para Vigo. Agora quedan dúas finais e a permanencia segue a un paso.

Dous goles nos primeiros dez minutos, ambos de Manu Justo, decantaron a balanza nun partido no que Miki Villar, no 43, recortaría distancias, un tanto insuficiente para un Compos que se atopou en dúas ocasións co pau e en varias máis con Sequeira.

Coa única novidade de Juampa no once titular, o Compos regresaba ao fortín coa intención de lograr unha vitoria decisiva para confirmar a permanencia. Coa axuda da afección no Vero Boquete, os nosos buscaban superar ao Celta B, terceiro clasificado na liga.

Presentábase un duelo de titáns, dous conxuntos que se caracterizan por dominar a posesión da pelota para someter ao rival. A pesar de que nos compases iniciais eran os branquiazuis os que a tiñan, quen golpearía, e por dúas veces, serían os vigueses.

No cinco, tras un saque rápido de falta, Josipovic conectou con Manu Justo na área e este soltou un gran disparo ao primeiro pau ante o que nada puido facer Pato. E no 9, nunha subida de Sergio Carreira, o lateral celeste chegou a liña de fondo e puxo un servizo ao segundo pau que remachou á rede de cabeza, de novo, Manu Justo.

Púñanse as cousas moi difíciles para os nosos, pero os branquiazuis non se ían a render. Co apoio da bancada, os compostelanistas comezaron a buscar con insistencia a área de Sequeira, con achegamentos continuos e claros.

No 18, o gol rozouse en dúas accións consecutivas. En primeiro lugar, Sequeira sacou da escuadra un disparo potente de Juampa dende a frontal e, na continuación, Álvaro Casas estrelaba o esférico no traveseiro coa esquerda, cando todos xa cantaban o gol.

Minutos máis tarde, no 29, Brais Abelenda recibiu un saque rápido de banda de Juampa, encarou ao porteiro, pero cruzouse Lucas providencial para evitar o pase da morte do de Bembibre. E no 34, nun balón que quedou morto, sería Bicho o que faría sacar a relucir os reflexos do meta costarriqueño, quen a sacou abaixo.

E de tanto insistir, acabou chegando o tanto branquiazul. Nunha anticipación de David Soto, o central arrincou cara á área rival e deixoulla para Miki Villar, quen selou o seu quinto tanto da tempada cun disparo cruzado que se coou polo segundo pau. Un golazo.

O gol espoleou aos compostelanistas, pero a reacción freouse en seco coa chegada do tempo de descanso, ao que se chegou con triunfo celeste.

A pesar dos quince minutos de intermedio, á volta dos vestiarios, o duelo seguiu coa mesma dinámica, cun Compos dominador en busca dun novo gol. Así, no 52, tras varios tiróns, chegou a primeira opción clara da segunda metade, nun pase filtrado de Bicho para Miki e disparo demasiado cruzado do lóstrego de Nigrán.

Os visitantes meteron pernas frescas, pero a balanza xa estaba inclinada cara á área celeste. No 66, Miki Villar estivo a piques de asinar o empate nun man a man, no que Sequeira sacou a perna de maneira providencial para evitar o gol.

Con todo, as máis claras acabarían chegando no tempo de desconto. Por unha banda, nunha contra, Gabri Veiga enviaba arriba cando tiña o disparo franco e, polo outro lado, unha dobre ocasión compostelanista. Desde o bordo da área, Bicho soltou un dos seus característicos machadazos que, nesta ocasión, estrelouse no pau e a seguir, tralo centro, Matías Vesprini remataba de primeiras rozando o pau.

A pelota non quixo entrar e os tres puntos escapáronse, por primeira vez no campionato, do fortín. O Compos tentouno de todas as maneiras, xogou un auténtico partidazo, pero a efectividade viguesa decidiu o duelo. Deste xeito, os nosos seguen a un paso de materializar a permanencia, a cal buscarán o vindeiro domingo contra o Zamora.