Foto: FUTGAL

 

Santiago de Compostela, a 29 de Xullo de 2020.- Grazas afección. Un ano máis, todos os compostelanistas demostrastes o voso apoio incondicional á SD Compostela, un agarimo e unha axuda que nos chegan moi dentro e que fan posibles éxitos tales como os desta tempada. Sodes unha pedra angular deste proxecto, e como tal, o club quere agradecervos todo o voso apoio, máis aínda, nun ano tan convulso.

Por iso, a entidade quere mandarvos todo o ánimo do mundo para superar este difícil momento que estamos a pasar, alentándovos a que sigades loitando para superar este virus. Do mesmo xeito, de corazón, queremos agradecervos o voso civismo desde a declaración da pandemia e, especialmente, durante a celebración do Playoff Exprés, xa que mantivestes, en todo momento, a compostura e respectastes as medidas de seguridade e hixiene. Estamos moi orgullosos.

Por outra banda, e como compensación por toda a situación vivida, a cal obrigou á paralización da competición, os abonados desta pasada campaña terán un 25% de desconto no abono da próxima tempada, a do regreso á Segunda División B. Ademais, pódese sumar un 10% máis de desconto se se colabora coa Fundación SD Compostela, destinando parte do abono a este ente.

Por último, e debido ao termo tardío da competición e ao consecuente atraso na reapertura do próximo curso, a data prevista para a posta en marcha da Campaña de Abonados 20/21 será sobre o 20 de agosto, aproximadamente. En todo caso, manterémosvos informados polas redes sociais do club. Forza Compos!