O ciclismo galego vístese de Gala este sábado na Estrada

0

 

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), na localidade pontevedresa da Estrada, abrirá as súas portas este sábado para acoller a gran festa dos amantes da bicicleta en Galicia. A tradicional Gala do Ciclismo Galego festexará un ano 2018 cheo de éxitos para os representantes autonómicos. Máis de 80 ciclistas serán recoñecidos polos seus resultados neste acto organizado pola Federación Galega de Ciclismo no que tamén se homenaxearán distinguidas traxectorias vinculadas a este deporte.

A partir das 19:30 comezarán a entregarse os galardóns nun evento conducido por Terio Carrera, presentador da TVG, e que contará coa actuación musical do grupo Broken Peach. Ao remate, servirase un cocktail para todos os convidados.

No escenario da AGASP serán coroados os vencedores dos Rankings da Federación Galega de Ciclismo nas seis disciplinas de competición: Estrada, BTT XCO, BTT XCM, BTT DHI, BTT Enduro e Ciclocross. Aos grandes triunfadores no calendario autonómico do 2018 sumaranse as distincións aos medallistas nos Campionatos de España: Escolares, Estrada, Ciclocross, BTT, Ciclismo Adaptado e BMX Freestyle; e para aqueles que remataron entre os tres primeiros clasificados nos circuitos estatais de Copas e Open de España de Ciclismo Adaptado, Ciclocross e BTT.

 

Mencións especiais

Cinco éxitos acadados no estranxeiro forman parte do capítulo de Mencións Especiais. Un deles protagonizouno un corredor natural da vila onde se celebra esta gala. O estradense Álex Marque adxudicouse a clasificación xeral do Tour de China. Nese mesmo país, Daniel López Parada conseguiu o seu primeiro triunfo de etapa como profesional na Volta ao Lago Quinghai. As outras actuacións internacionais galardoadas serán o dobre campionato de Europa de BTT Maratón e BTT Ultramaratón logrado por Javier Busto, o título continental de BTT Ultramaratón asinado por Teresa Barreira, mentres que Ángel Suárez será recoñecido por rematar como o mellor representante español nas Copas do Mundo de BTT-DHI.

Os resultados tamén acompañaron no 2018 ao Supermercados Froiz, dominador do ranking de equipos Elite a nivel estatal, e ao Vigo-Rías Baixas, terceiro clasificado nesta categoría. Pola súa banda, a ciclista Paula Sanmartín recibirá unha distinción por ter dado o salto ao pelotón profesional.

Polo seu compromiso con este deporte destacaranse tres traxectorias. O ‘Premio a unha Vida adicada ao ciclismo’ recaerá en Ernesto Falcón, o ‘Premio a unha Vida de Promoción do Ciclismo’ será entregado a Manuel Marque e o ‘Premio a unha Vida como Árbitro’ recibirao Mª Begoña Alonso.

 

Coas tres mencións restantes rendirase homenaxe a Manuel Lustres Nieto e a Javier De La Fuente por ser exemplos de superación e recordarase a figura de Miguel Ángel Alonso Sierra, corredor da Selección de Galicia de Ciclismo Adaptado que faleceu durante a pasada primavera.

Ademais, nesta gala haberá un recoñecemento para os ciclistas que durante o 2018 foron convocados polas distintas seleccións españolas: Iván Feijoo, Irene Trabazo, Carlos Canal, Adrián Barros, Cristian Mota, Susana Alonso, Pablo Rodríguez e Ángel Suárez