O ciclismo galego loita contra o reloxo este luns en Baños de Molgas

0

Un percorrido de 13 quilómetros exercerá de xuíz este luns no primeiro reparto de coroas do ciclismo autonómico no 2020. A vila termal de Baños de Molgas acolle o Campionato de Galicia de Contra o Reloxo Individual (CRI) – Copa Deputación de Ourense. Case 300 participantes serán os protagonistas dun evento que se celebrará baixo as máis estritas medidas de seguridade pola Covid-19.

A paraciclista Mila López (Riazor) abrirá á competición ás 11:00 horas dando inicio a un carrusel de saídas que seguirá a seguinte orde por categorías: adaptada, máster-60 masculina, cadetes, máster-50 masculina, máster-40 feminina, máster-30 feminina, máster-40 masculina, máster-30 masculina, juniors, sub23 feminina, elite feminina, sub23 masculina e elite masculina. O último corredor en entrar en acción será Samuel Blanco (Supermercados Froiz), defensor do título na categoría raíña masculina.

O Club Ciclista ADO Moure e a Federación Galega organizan esta cita na que se porá en práctica o protocolo da nova normalidade do ciclismo. Os corredores deberán ter posta a máscara ata 30 segundos antes de empezar a darlle os pedais e gardala na súa roupa de competición para volver poñela unha vez crucen a liña de meta. Ningún técnico nin acompañante poderá estar na zona de saída nin de chegada

O circuíto que comeza e conclúe no lugar dos Milagres do Medo pode dividirse en dúas partes. Guillermo Sande, director técnico da Federación Galega de Ciclismo, explicou na presentación do campionato que o trazado ten dúas partes ben diferenciadas. Unha primeira de 5 km, “moi técnica e onde o máis importante non é a velocidade, senón as habilidades do ciclista”, e un segundo treito no que “primará a forza”.