O Celta vence ó Athletic e continúa a escalada (0-2)

0

FICHA TÉCNICA

Athletic Club 0-2 RC Celta

Aliñación Athletic Club: Unai Simón, Capa, Yeray, Unai Nuñez, Yuri (Balenziaga, min 46), Vencedor (Unai López, min. 62), Vesga, Williams (Morcillo, min. 79), Muniain (Sancet, min. 79), Berenguer e Villalibre (Raúl García, min. 62).

Aliñación RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Araújo, Murillo, Lucas Olaza, Tapia, Brais Méndez (Miguel Baeza, min. 91), Denis Suárez, Nolito (Aidoo, min. 71), Iago Aspas (Fran Beltrán, min. 88) e Santi Mina.

Goles: 0-1, min. 60 (Hugo Mallo). 0-2, min. 78 (Iago Aspas).

Árbitro: Figueroa Vázquez

Campo: Estadio de San Mamés

ANÁLISE

Este si é o Celta de verdade. O que xoga, o que combina, o que fai desfrutar aos celtistas co seu xogo. En San Mamés seguiron as boas sensacións do anterior encontro ante o Granada, e o Celta acadou a segunda vitoria consecutiva. No primeiro tempo os leóns desplegaron un xogo intenso, pero no segundo os celestes foron quen de asentarse e sentenciar o partido por medio de Hugo Mallo e Iago Aspas.

Coudet repetiu o once do pasado domingo a raíz dos bos resultados colleitados. Nesta ocasión, o Athletic entrou no partido con intensidade, e aos vigueses non lles quedou outra que sobrepoñerse. Muniain puido marcar para os vascos e Olaza Mina para os galegos, pero o choque seguía a estar igualado.

No segundo tempo, o Celta comezou a ter máis ocasións de gol, outra vez por medio de Olaza e tamén de Iago Aspas e Santi Mina. Este último anotou un gol que foi anulado porque Aspas estaba en fóra de xogo. Pero no minuto 60 foi cando se moveu o marcador. Mina centrou e Hugo Mallo rematou de cabeza. O marinense non marcaba dende o 2018 ante o Real Madrid. O Celta continuaba a sentirse cómodo, e no treito final sentenciou a contenda cun gol de Aspas, asistido por Brais Méndez.

Este é a primeira vitoria do cadro celeste no novo San Mamés, dificultade engadida a que o Athletic está na parte media alta da táboa. Con todo, os celestes saen máis reforzados do que chegaron a Bilbao. Os síntomas de mellora son patentes, xa que os vigueses pegan un chimpo na clasificación: posto 14 con 13 puntos. Agora quédanos máis dunha semana por diante ata o vindeiro partido, o día 14 ante o Cádiz, unha das revelacións da liga. Unha boa pedra de toque para o novo Celta.

highlight_image

Fotografía: La Liga Santander