FICHA TÉCNICA
RCD Espanyol 0-0 RC Celta
Aliñación RCD Espanyol: Oier, Pipa, David López, Cabrera, Dídac, Pol Lozano, Marc Roca, Melendo, Nico, Embarba e Wu Lei.
Aliñación RC Celta: Iván Villar, Hugo Mallo, Aidoo, Lucas Olaza, Fran Beltrán, Bradaric, Brais Méndez, Santi Mina, Sisto e Iago Aspas.
Árbitro: Cordero Vega
Campo: RCDE Stadium
ANÁLISE
Derradeira xornada de liga cun sufrimento enorme, pero coa recompensa da permanencia. Aínda así, o Celta non fixo o que debería. Non saiu a competir ante o Espanyol e dende os primeiros minutos parecía que agardaría a que o Leganés empatase ou perdese. E así foi, grazas a que os madrileños empataron ante o Madrid, o Celta sálvase por novena tempada consecutiva.
A gran novidade na aliñación do Celta foi Pione Sisto, despois de non xogar nos anteriores partidos. No inicio do encontro xa se puido observar que o ritmo que lle estaban a dar os celestes non era o adecuado para un partido no que se xogaban tanto. Nalgúns casos parecía que era o Espanyol o que se estaba a xogar algo máis. Wu Lei tivo dúas ocasións importantes e despois Embarba anotou un gol antes do descanso. O colexiado anulouno debido a unha desviación súa do balón nesa xogada. Pero o Celta seguía sen rematar entre os tres paus. Mentres, o Leganés empataba ante o Real Madrid (tras adiantarse os campións por medio de Ramos) e aumentou o nerviosismo.
Na segunda metade, igual que na anterior, a intensidade do Celta só duraba os dous primeiros minutos. O primeiro lanzamento a portería foi de Sisto no minuto 72. Incríble esa situación estándose a xogar tanto. A continuación, os visitantes volveron quedar sen enerxías e o Espanyol tivo unha ocasión de Vargas que ameazou o feble empate. Os cambios tampouco axudaron moito ao equipo (entrou Okay por Bradaric, Gabriel Fernández por Brais Méndez, Pape por Beltrán e Jacobo por Sisto). Nos instantes finais, o Toro Fernández non foi quen de disparar na área pequena e despois Iago Aspas rematou algo desviado. Todos os suplentes celestes e o corpo técnico estaban atentos na grada ao final de Butarque, ata que chegou e con ese empate do Leganés o Celta segue en primeira.
Por segunda tempada consecutiva a salvación chegou no derradeiro partido, pero nesta tempada houbo que agardar ata o último segundo. O celtismo non merece sufrir tanto e desa forma. Nas altas esferas do club débense reflexionar moitas cousas, atar aos que de verdade estean comprometidos e expulsar aos que non. É o momento de facer as cousas ben dunha vez por todas, e non estar tan pendentes de liortas con políticos ou infraestructuras. O Real Club Celta de Vigo e a súa afección son moito máis ca iso.
Fotografía: La Liga Santander