FICHA TÉCNICA
RCD Mallorca 0-0 RC Celta
Aliñación RCD Mallorca: Reina, Maffeo, Russo, Valjent, Costa, Galarreta, Battaglia, Sánchez, Dani Rodríguez, Lee Kang In e Abdón.
Aliñación RC Celta: Dituro, Kevin, Aidoo, Araújo, Javi Galán, Tapia, Fran Beltrán, Denis Suárez, Cervi, Brais Méndez e Santi Mina.
Árbitro: Díaz de Mera Escuderos
Campo: Estadio Son Moix
ANÁLISE
Contra vento e marea pódese dicir que foi o Mallorca-Celta. Máis contra vento que contra o mar, o primeiro choque desta xornada rematou sen goles. No desconto o Celta dispuxo de tres ocasións claras de gol, pero o Mallorca salvouse da derrota grazas a Reina.
O encontro comezou co sobresalto da saída de Santi Mina do campo en padiola. Un balón impactou na cabeza do dianteiro celeste, pero afortunadamente a mancadura non foi grave. O protagonista do partido foi o vento, que levaba obxectos cara dentro do campo e movía o balón cara onde lle petaba. Xa no minuto 43, chegou unha destacada ocasión de gol de Galhardo que deteu Reina.

Fotografía: LaLiga Santander
No segundo tempo o Mallorca tivo unha boa oportunidade de Maffeo. Pola súa banda, Galhardo seguiu tentando marcar nunha dobre ocasión. O brasileiro tería unha das máis claras para o Celta pasado o minuto 70, pero Reina deteu o lanzamento. No desconto, Nolito tamén gozou dunha boa ocasión, que salvou de novo o porteiro local. Brais Méndez tamén estivo a piques de marcar, pero Reina deteu por terceira vez no desconto.
Os celestes rematan este partido cun punto máis e con boas sensacións. É sabido que as sensacións non dan vitorias, pero algo é algo. Os de Coudet ascenden provisionalmente ao decimoséptimo lugar da clasificación. Queda unha semana para o derradeiro partido deste 2021, en Balaídos ante o Espanyol. Non hai outra opción que gañar.