FICHA TÉCNICA

Deportivo Alavés 1-3 RC Celta

Aliñación Deportivo Alavés: Pacheco, Ximo Navarro, Lejeune, Laguardia, Duarte, Pellistri, Battaglia, Pina, Jota, Rioja e Joselu.

Aliñación RC Celta: Iván Villar, Aaron Martín, Aidoo, Murillo, Hugo Mallo, Renato Tapia, Denis Suárez, Brais Méndez, Nolito,Iago Aspas e Santi Mina.

Goles: 0-1, min. 8 (Nolito), 0-2, min. 15 (Iago Aspas). 0-3, min. 20 (Santi Mina). 1-3, min. 86 (Lejeune).

Árbitro: Mateu Lahoz

Campo: Estadio de Mendizorrotza

ANÁLISE

O Celta volveu do parón e gañou. Algo que noutro tempo era difícil de conseguir. Tamén foi quen de bater as estadísticas en Mendizorrotza, un campo que non se lle daba ben aos vigueses. Nesta ocasión os de Coudet solventaron sen problemas a primeira metade, cun 0-3 ao descanso. No segundo tempo sufriron algo máis coa expulsión de Murillo e un gol do Alavés, pero a vitoria rematou no bando celeste.

No inicio do encontro, o Alavés tivo unhas cantas ocasións, conscientes da importancia do partido na súa loita de saír do pozo. Con todo, o Celta conectou axiña e no minuto oito Nolito marcou o primeiro gol tras unha asistencia de Aspas. O ex celeste Luis Rioja tivo unha oportunidade para os locais, pero salvou Iván Villar. Con todo, foi o Celta o que seguiu atacando e chegou o segundo. Desta volta intercambiáronse as tornas e foi Nolito o que asistiu a Iago Aspas. Cinco minutos despois, no 20, Aspas asistiu a Santi Mina para poñer o terceiro no marcador. Antes de rematar o primeiro tempo Mina tivo unha destacada ocasión que errou e Nolito lanzou a porta pero petou no pau.

O segundo tempo comezou mal, xa que Mateu Lahoz sacoulle a segunda amarela do encontro a Jeison Murillo e os celestes quedáronse con dez. Neses momentos o Celta sufriu máis, e gozaron dun perigoso lanzamento de Lejeune que deteu Iván. Foi o propio xogador francés o que anotou o 1-3 a poucos minutos do final. Aínda así non evitou que os tres puntos viaxasen a Vigo.

Unha vitoria que lle dá esperanzas ao Celta e ao celtismo de soñar. A permanencia está virtualmente conseguida, e o equipo colócase oitavo con 37 puntos. O vindeiro partido será o luns día 12 ante o Sevilla en Balaídos, un rival da parte alta da táboa. Aí poderemos ver as aspiracións deste equipo que gañou algo máis o dereito a pensar en cotas maiores.

highlight_image

Fotografía: LaLiga Santander