FICHA TÉCNICA
RC Celta 1-1 Villarreal CF
Aliñación RC Celta: Dituro, Kevin, Aidoo, Murillo, Galán, Beltrán, Brais Méndez, Denis Suárez, Nolito, Iago Aspas e Santi Mina.
Aliñación Villarreal CF: Rulli, Albiol, Pau, Foyth, Alberto Moreno, Ruben Peña, Pedraza, Iborra, Parejo, Trigueros e Dia.
Goles: 0-1, min. 27 (Alberto Moreno). 1-1, min. 72 (Brais Méndez).
Árbitro: Alberola Rojas
ANÁLISE
O Celta volveu ter un mal arranque de partido que condicionou todo o choque, como acontecera no anterior encontro ante o Barça. O Villarreal adiantouse na primeira metade e o Celta foi quen de empatar na segunda, pero as sensacións que deixa o partido non son demasiado boas.
No minuto 5 Santi Mina achegouse á área amarela con perigo, pero a partir de aí os celestes relaxáronse. Así chegou o primeiro tanto do Villarreal. Escapóuselle o balón a Dituro e Pareja colleuno para asistir a Alberto Moreno, o goleador. Antes do descanso o Celta tivo algunha que outra ocasión, pero sen moita fortuna. Dituro tivo que encargarse de deter varios lanzamentos do submarino para que a cousa non fora a peor.

Na segunda metade os celestes entraron con algo máis de tino cara a porta contraria. Rulli conseguiu salvar un tiro de Iago Aspas pouco despois do reinicio. O meta do Celta tamén seguiu detendo ocasións do Villarreal. No 65 os de Coudet gozaron dunha boa oportunidade para empatar. Pero o gol chegaría no 72, cando Brais Méndez anotou nun rexeite de Rulli. Acto seguido o Celta reaccionou e tivo boas oportunidades para poñerse por diante da man de Brais, Galhardo ou Denis Suárez. Porén, o marcador non se movería.
Balaídos segue sen ver gañar ao seu equipo. Os celestes só conseguiron 5 puntos na casa no que levamos de campaña. O vindeiro sábado, no mesmo horario, agarda en Mendizorrotza o Alavés. Agardamos que, alomenos fóra, caian os 3 puntos.