FICHA TÉCNICA

Real Valladolid 1–1 RC Celta

Aliñación Real Valladolid: Roberto, Luis Pérez, Bruno, Javi Sánchez, Nacho, Raúl Carnero, Fede San Emeterio, Kike Pérez, Orellana, Toni Villa e Sergi Guardiola.

Aliñación RC Celta: Iván Villar, Hugo Mallo, Aidoo, Murillo, Lucas Olaza, Tapia, Fran Beltrán, Denis Suárez, Emre Mor, Nolito e Iago Aspas.

Goles: 0-1, min. 44 (Iago Aspas). 1-1, min. 65 (Sergi Guardiola).

Árbitro: Sánchez Martínez

Campo: Estadio Municipal José Zorrilla

ANÁLISE

O Celta non pasou do empate ante o Valladolid en Pucela. Aínda que os vigueses se puxeron por diante no marcador por medio de Aspas (o protagonista do día), o partido sempre tivo un toque máis violeta e Guardiola empatou de penalti no segundo tempo.

No inicio do choque os celestes saíron coa intención de dominar e controlaron os primeiros instantes. Denis Suárez tivo unha boa ocasión case a porta baleira, pero o esférico saiu desviado. Con todo, foron os pucelanos os que máis cómodos se sentiron. Gozaron das súas oportunidades por medio de Guardiola ou Orellana, bastante activo a balón parado o ex celeste. Tamén Emre Mor realizou un lanzamento, pero foi ao lateral da rede. Ata que, case sen ángulo paran lanzar a portería, Aspas puxo o 0-1 no fío do descanso.

Na segunda metade o Valladolid volveu á carga, pero só conseguiu empatar por medio dun penalti de Hugo Mallo algo dubidoso. Non interveu o VAR e Guardiola lanzou polo medio da portería, enganando a Iván Villar. O porteiro cangués tivo que intervir en máis ocasións para deter as acometidas rivais. No último treito o Celta estaba sufrindo e Óscar García colocou a tres centrais. Aspas rematou enfadado porque Sánchez Martínez non pitou unha falta por agarrón nunha contra celeste. E ademais, sacoulle unha tarxeta ao moañés.

Ese único tanto celeste non é un máis: converte a Iago Aspas no máximo goleador do Celta en primeira xunto a Hermidita, ambos posúen 104 tantos. Está máis claro aínda o grande e importante que é Aspas no Celta, pero volvendo ao presente, quedan cousas por mellorar neste equipo. A vindeira proba de lume será o Barça o xoves en Balaídos. Un rival que nos últimos anos se lle dan moi ben aos vigueses na casa.

highlight_image

Fotografía: La Liga Santander