FICHA TÉCNICA

RC Celta 2-2 Real Oviedo

Aliñación RC Celta: Iván Villar, Hugo Mallo, Aidoo, José Fontán, Lucas Olaza, Tapia, Miguel Baeza, Fran Beltrán, Emre Mor (Brais Méndez, min. 28), Iago Aspas e Nolito. No minuto 60 entraron Kevin, Araujo, Jorge Sáenz, Juncà, Okay, Alberto Solís, Vadillo, Gabri Veiga, Miguel Rodríguez e Lauti. No 80 entrou Toro Fernández.

Aliñación Real Oviedo: Femenías, Arribas, Ugarte, Johanesson, Vanderson, Javi Mier, Obeng, Tejera, Riki, Mossa e Ton Ripoll. Despois entraron ao campo Viti, Juanjo, Grippo, Bolaño, Lucas, Jimmy, Edu, Borja, Rodri e Javi Cueto.

Goles: 0-1, min. 11 (Obeng). 1-1, min. 18 (Iago Aspas). 2-1, min. 20 (Emre Mor). 2-2, min. 76 (Viti).

Árbitro: López Villa

Campo: Estadio Municipal de Balaídos

ANÁLISE

O Celta estreouse na pretempada cun encontro ante o Oviedo que deixa conclusións. Cabe destacar a boa actuación de Emre Mor aínda que só estivo media hora no terreo de xogo. O Celta remontou o tanto inicial do Oviedo e os asturianos volveron empatar nos minutos finais.

Nos primeiros minutos o Oviedo adiantouse no marcador por medio de Obeng, nun erro da defensa celeste. A continuación, o Celta comezou a ter máis protagonismo. No minuto 18, Iago Aspas empatou nunha xogada de estratexia e coa axuda do porteiro ovetense, que non foi quen de capturar o balón. Dous minutos despois, Emre Mor anotou o 2-1 cun gran lanzamento dende a frontal da área. Estaba a facer un bo partido, pero no minuto 28 tivo que abandoar o campo mancado (sofre unha sobrecarga nos isquios da parte dereita). Antes do descanso, Miguel Baeza tivo unha boa ocasión que saiu desviada por pouco por encima da portería.

No segundo tempo houbo menos ocasións e o encontro non estivo tan dinámico. No minuto 60 entraron dez xogadores ao campo, o único que seguía era Iván Villar. Ademais, nos últimos minutos entrou Gabriel Fernández. Finalmente, no 76, Viti empataba para o Oviedo cun lanzamento dende a banda esquerda.

A espera de saber cales serán os seguintes partidos de pretempada, o Celta e Óscar García xa teñen por onde tirar para comezar a tempada 20/21 e non cometer os mesmos erros que a anterior. Parece claro que se precisan reforzos neste mercado de fichaxes tan atípico.