O Celta empata ante o Eibar cos mesmos erros do pasado (1-1)

0

FICHA TÉCNICA

RC Celta 1-1 SD Eibar

Aliñación RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Murillo, Araújo, Lucas Olaza, Tapia, Brais Méndez, Fran Beltrán, Nolito, Emre Mor e Santi Mina.

Aliñación SD Eibar: Dimitrovic, Bigas, Oliveira, Sergio Álvarez, Recio, Edu Expósito, Soares, Muto, Pozo, Bryan Gil e Kike García.

Goles: 1-0, min. 9 (Brais Méndez). 1-1, min. 53 (Bryan Gil).

Árbitro: González Fuertes

Campo: Estadio Municipal de Balaídos

ANÁLISE

Outra vez os erros privan ó Celta de conseguir os tres puntos. Aínda que o partido comezou ben cun gol de Brais Méndez, o Eibar desenvolveu o seu xogo durante bastantes minutos ata que Bryan Gil empatou no segundo tempo. Nos derradeiros compases os celestes tiveron ocasións para marcar o 2-1, pero teñen que conformarse cun empate, o primeiro dende a ausencia de Aspas.

Nove minutos despois de comezar o encontro, os de Coudet xa estaban por diante no marcador cun tanto de Brais Méndez tras un erro de Sergio Álvarez. Os celestes seguiron tendo ocasións, como unha de Olaza que petou no pau. Con todo, baixaron unha marcha e o Eibar aproveitou para meter en apuros ós locais. Tiveron unha oportunidade clara de Kike e posteriormente outra nun lanzamento de esquina.

No descanso, saíu Emre Mor por Okay, e sería o turco o que acabaría cometendo un erro fatal para que o Eibar recuperase o balón e Bryan Gil anotara o empate. Nos seguintes minutos, o Celta volveu poñerse en marcha para intentar coller ventaxa de novo. Hugo Mallo e Brais Méndez tentaron bater a Dimitrovic, pero o porteiro serbio realizou unha excelente actuación.

Un punto nos últimos catro partidos é a bagaxe recente do Celta sen Aspas, que se desespera na bancada de Balaídos. Con sorte, estará dispoñible para o vindeiro partido ante o Granada, pero cómpre non arriscar. Con todo, tamén é responsabilidade do resto do equipo non cometer os erros que se suceden semana tras semana. E tamén da directiva valorar a quen o merece e non deixar escapar o que será difícil de substituír.

highlight_image

Fotografía: La Liga Santander