O Celta consegue ante Osasuna o primeiro punto (0-0)

0

FICHA TÉCNICA

CA Osasuna 0-0 RC Celta

Aliñación CA Osasuna: Herrera, Nacho Vidal, Aridane, David García, Manu Sánchez, Torró, Kike Barja, Moncayola, Brasanac, Rubén García e Kike García.

Aliñación RC Celta: Dituro, Kevin, Araújo, Carlos Domínguez (Aidoo), Javi Galán, Tapia, Brais Méndez (Fran Beltrán), Denis Suárez (Solari), Nolito (Cervi), Iago Aspas e Santi Mina.

Árbitro: Alberola Rojas

Asistencia: case 8.000 espectadores

Campo: Estadio de El Sadar

ANÁLISE

O Celta sumou o primeiro punto da tempada nunha noite non demasiado boa. A primeira metade estivo marcada polas numerosas ocasións de Osasuna e a segunda por un penalti errado polos locais e varias accións dubidosas do colectivo arbitral.

O primeiro tempo tivo máis cor vermella que celeste, pero non houbo goles. O Osasuna gozou da maior parte das ocasións. Pouco despois do inicio Aspas lanzou a porta, pero marchou por pouco. A continuación, os locais tiveron un lanzamento que petou no lateral da rede. Matías Dituro foi un dos máis destacados dos vigueses neste tempo, xa que deteu varios lanzamentos de Rubén García e Kike García. Renato Tapia encargouse de manter o centro do campo e deter as acometidas rivais. Manu Sánchez, Kike Barja e Brasanac tamén tiveron sendas oportunidades para poñer por diante ao Osasuna. Denis Suárez e Aspas realizaron algúns dos poucos lanzamentos do Celta.

O inicio da segunda metade estivo marcado pola polémica. Primeiro, uns poucos segundos despois da reanudación, o colexiado sinalou un penalti a favor do Osasuna. Discutíase se a man de Carlos Domínguez sobre Kike García fora o suficiente para facer dano e se era dentro da área. Lanzou Rubén García, pero Dituro deteu co pé. Despois, o seguinte aspecto polémico foi unha man dun xogador local na área que Alberola non sinalou ante a queixa dos futbolistas celestes. A continuación, os locais seguiron tendo ocasións de gol, pero o Celta estivo algo máis presente na área local. Renato Tapia e a defensa celeste deberon empregarse a fondo para deter as acometidas do rival. Santi Mina e Denis Suárez realizaron varios disparos a porta, pero saíron desviados. Máis adiante Mina volveu estar a piques de marcar, pero non puido controlar o balón adecuadamente. Kevin Vázquez viuse obrigado a retirarse do terreo de xogo e o Celta quedou con dez nos últimos minutos. No desconto, o Chimy Ávila case anotou o primeiro gol da noite en dúas boas ocasións.

No día do seu 98 aniversario o Celta non puido darlle á súa afección unha vitoria, pero si un punto. Con todo, o equipo sufriu para conseguir traer este botín de Pamplona. O vindeiro sábado, ante o Athletic en Balaídos, haberá outra nova oportunidade para gañar.

ImaxeDituro detén o penalti do Osasuna.
Fotografía: LaLiga Santander