O Celta consegue ante o Granada a primeira vitoria na casa (1-0)

0

FICHA TÉCNICA

RC Celta 1-0 Granada CF

Aliñación RC Celta: Dituro, Hugo Mallo, Araújo, Murillo, Javi Galán, Tapia, Fran Beltrán, Brais Méndez, Nolito, Iago Aspas e Santi Mina.

Aliñación Granada CF: Maximiliano, Gonalons, Luis Milla, Germán, Soro, Luis Suárez, Puertas, Neva, Quini, Bacca e Domingos Duarte.

Goles: 1-0, min. 94 (Denis Suárez).

Árbitro: Soto Grado

Asistencia: 6.375 espectadores

Campo: Estadio Municipal de Balaídos

ANÁLISE

O Celta sufriu bastante para conseguir impoñerse por primeira vez na casa nesta campaña. Entre o tenso ambiente do xogo e as poucas ocasións claras de marcar parecía que non chegaba o momento. Ata que, no desconto, Denis Suárez fixo o gol da vitoria.

Dende o comezo do primeiro tempo o Celta encargouse de levar o peso do partido controlando o balón. Con todo, as ocasións claras para marcar non chegaban. Aspas ou Tapia tiveron algún que outro lanzamento que marchou desviado. Santi Mina realizou o primeiro tiro entre os tres paus que deteu Maximiliano. Pola súa banda, o Granada estivo a piques de adiantarse nunha confusión da defensa, pero Dituro encargouse de deter a acometida de Soro. En ocasións o partido estaba bastante bronco polas continuas paradas no xogo dos granadinos.

Na segunda metade Dituro tivo que esforzarse de novo para deter unha oportunidade de Soro. A continuación, volveu formarse unha tangana diante do banco do Granada. A polémica seguiu cun penalti a favor do Celta que sinalou o colexiado, pero que os visitantes protestaron ata conseguir a tarxeta amarela de Robert Moreno. Con todo, a sorte non estivo de cara e Maximiliano adiviñou o lanzamento de Aspas. Acto seguido os xogadores celestes pediron outro penalti por man, pero non foi asubiado. Javi Galán estivo activo en ataque con varios disparos perigosos. Hugo Mallo tamén se animou a rematar un bo disparo. No desconto, todo o esforzo do Celta estivo a piques de marchar polo sumidoiro se non fora por unha dobre ocasión clarísima do Granada que salvou Dituro. Porén, no 94, Denis Suárez marcou un gol providencial cun gran lanzamento dende fóra da área. No derradeiro suspiro incluso Mina puido anotar o segundo.

Nun partido convulso os de Coudet foron quen de sacar un boísimo resultado diante do celtismo. Sete puntos non son para tirar foguetes, pero estamos indo polo bo camiño.