O Celta comezou os test de pretempada cunha vitoria (3-0)

0

FICHA TÉCNICA

RC Celta 3-0 Atlético Sanluqueño

Aliñación RC Celta: Dituro, Hugo Mallo, Aidoo, Fontán, Kevin, Fran Beltrán, Nolito, Cervi, Brais Méndez, Santi Mina e Iago Aspas. Na segunda metade entraron: Rubén, Solari, Álex Carbonell, Alfon, Baeza e Carlos Beitia.

Aliñación Atlético Sanluqueño: Falcón, Riego, Javi Duro, Pelón, Oriol, Hector Martínez, Azkue, Theo García, Armental, Diego Cervero e Toni García. Na segunda metade entraron: Hassane, Marc Caballé, Alfonso Fernández, Chicho, Marco Valle, Navas, Flori, José Romero, Salas, David Vidal, Miguelete.

Goles: 1-0, min. 14 (Santi Mina). 2-0, min. 26 (Brais Méndez). 3-0, min. 61 p. (Aspas).

Árbitro: Abraham Hernández Maestre

Campo: Marbella Football Center

ANÁLISE

Os celestes abriron a lata dos test de pretempada coas mellores sensacións posibles: unha boa vitoria por tres goles (Mina, Brais e Aspas) ante o Sanluqueño. Na segunda metade notouse a baixada de ritmo polo agotamento físico desta etapa de preparación, pero o equipo tivo boas ocasións e conseguiu resolver o choque sen problemas.

O Celta encarou a liña da saída dos partidos de pretempada coa intensidade que cabía agardar deste equipo de Coudet. Nos primeiros instantes do partido, o Atlético Sanluqueño comezou atacando, pero o Celta rapidamente presionaba o balón na área dos andaluces. Antes dos dez minutos de xogo, o exceleste Ismael Falcón xa detera dúas ocasións viguesas. No minuto 14 si chegou o primeiro gol, anotou Santi Mina asistido por Hugo Mallo. A continuación, o debutante Cervi tivo unha boa oportunidade na que asistiu a Santi Mina. Máis adiante, o Celta puido ampliar a vantaxe cun gol de Nolito, pero foi anulado polo colexiado. Na media hora de encontro Brais Méndez si foi quen de anotar o 2-0.

No segundo tempo, o Celta comezou con varias oportunidades, de Kevin e Brais Méndez, continuando a liña de presión da primeira metade. Acto seguido o Sanluqueño tivo unha das súas mellores ocasións de gol na que o esférico petou no pau. O ritmo do encontro diminuiu pola fatiga acumulada. Con todo, os vigueses conseguiron anotar un último gol. O colexiado sinalou penalti e Iago Aspas convertiuno. Antes do remate os andaluces tiveron unha oportunidade que saiu por pouco, ao igual que outra de Hugo Mallo.

A nova máis positiva do partido, máis alá do bo xogo celeste, foi o retorno de Rubén Blanco tras a súa lesión. Aínda faltan outras pezas por incorporarse totalmente ao ritmo do equipo, como Tapia ou Denis Suárez, pero do visto por agora o celtismo está ilusionado. Temos por diante outras dúas probas de pretempada para rematar de ver a calidade deste Celta.

Imaxe

Fotografía: RC Celta.