Non puido ser. O Ribeira Sacra Breogán loitou na final pero a falta de acerto na primeira metade lastrou demasiado ao equipo celeste. O acerto exterior local unido a sua solidez defensiva dacantaron o título para os casteláns. |
O conxunto local chegaba a ter unha vantaxe de 22 puntos apoiándose nun acerto espectacular que mesmo os levaban a anotar en situacións de boa defensa celeste. Ao descanso chegábase cun marcador de 38-23. Pero as verbas de Lisardo no vestiario no intermedio surtiron efecto no plantel breoganista. O equipo tivo fe na remontada e estivo a piques de culminala.
A Marea Celeste facíase oír nun Marta Domínguez cheo ata a bandeira. O Breo superaba as adversidades: as baixas de Samb e de Chapela, e saída de pista de Sergio Sánchez que pedía o troco ao resentirse da súa lesión, e a participación de homes como Llorca ou Dani López lonxe do estado óptimo.
Os celestes lograban facer dubidar á grada do Marta Dominguez que vía,despois de achegarse ao título con vantaxes claras na primeira metade, como o Ribeira Sacra chegaba a recortar diferenzas a so cinco puntos no cuarto definitivo. Pero o equipo lucense non tivo o acerto necesario, quizais esa migalla de sorte necesaria para poder rematar a remontada.
O equipo caía finalmente (78-69). O plantel achegouse aos máis de cen siareiros que se desprazaron a Palencia e que recoñeceron o esforzo do equipo ata o final. Despídese o Breo de Palencia coa pena de non poder ofrecer a copa aos seus, pero con “orgullo celeste”, o que significa dalo todo ata o final. Lisardo agradecía tamén o esforzo dos seus non vestiario tralo final. O adestrador deixou unha frase para ter moi en conta: «Señores, aínda queda o mellor».
Foto: A.Nevado/FEB