O CB Arxil converterá este xoves a explanada de Montero Ríos nunha festa do baloncesto

0

Nota de prensa de la Deputación de Pontevedra

  • O Pazo Provincial acolleu a presentación dunha nova edición do «Día do Baloncesto» que reunirá a 1300 nenas e nenos de distintos centros educativos

A deputada de Deportes, Chelo Besada, xunto a Anxos Riveiro, concelleira de deportes do Concello de Pontevedra, e Maite Méndez, adestradora e directiva do C.B. Arxil, presentaron hoxe no Pazo da Deputación a XVIII edición do «Día do Baloncesto», que este xoves contará coa participación de preto de 1.300 escolares na explanada de Montero Ríos de Pontevedra.

A actividade deportiva comezará ás 09.30h e alongarase ata as 13.30h e como explicou a adestradora do Arxil, Maite Méndez, “participarán 10 colexios de Pontevedra e os seus arredores e a Asociación Virgen de La O”. En concreto, os centros educativos que van participar son: CPR San José, CEIP San Benito de Lérez, CEIP Froebel, CEIP Barcelos, CEIP Campolongo, CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP Carballal, CEIP Xunqueira 2, Calasancias e Doroteas.

Despois da pasada edición que tivo que suspenderse polo mal tempo, o Club Baloncesto Arxil volve a levar a cabo un día festivo co baloncesto como protagonista para o que montaranse sobre a Avenida Montero Ríos, fronte ao Pazo Provincial, 32 canchas de 3×3. Deste xeito, facilitarase que os nenos e nenas participantes poidan xogar o maior número de partidos posibles e así gozar dunha modalidade de baloncesto que será olímpica nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

A Deputación de Pontevedra colabora un ano máis con este evento, que pretende ofertar unha actividade de recreo ás e aos escolares da cidade e os seus arredores á vez que se promociona a práctica deportiva.