Pontevedra será pioneira a prol da inclusión no Campionato de España de Ciclocrós do vindeiro mes de xaneiro. Por primeira vez, celebrarase unha carreira non competitiva para persoas con capacidades diferentes. Unha iniciativa que busca dar visibilidade a estes deportistas e que aspira a consolidarse na programación da gran cita anual da modalidade invernal do ciclismo.

A figura de Borja Gómez, o rapaz con Síndrome de Down que participou nos dous últimos campionatos de España de ciclocrós coa Selección de Galicia, inspirou esta idea. O exemplo do corredor ponteareán ten achegado ao ciclismo a outras persoas con capacidades diferentes e o comité organizador do CX Pontevedra considerou que chegou o momento de dar un paso máis cara a meta da inclusión.

A estrea desta carreira realizarase o domingo 12 de xaneiro. A súa quenda chegará  unha vez remate a proba raíña feminina, fixada para as 11:30 horas, e antes de que comece a competición elite masculina, ás 13:30 horas. A organización deseñou un percorrido adaptado ás características destes ciclistas.

O obxectivo desta proposta é contar co maior número de participantes posible e as inscricións realízanse a través desta ligazón.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo