Eduardo Saavedra Cebreiro, toda unha referencia de traxectoria no futsal e na Familia Laranxa, cumprirá a décimo terceira tempada no Pescados Rubén Burela FS. Con esta renovación selada xunto ao presidente, Manuel Blanco, o gardameta naronés repetirá tándem xunto ao internacional polaco M. Kaluza.

“Para min é un privilexio seguir xogando un ano máis na mellor liga e entre os mellores equipos, co meu equipo, en Burela”, confesaba feliz Edu, aos seus 41 anos. O Pescados Rubén volverá apostar pola solidez defensiva: “Volverá ser unha portería segura; Michal e eu entendémonos moi ben. É unha portería que ofrece a miña experiencia e a vivencia de Michal como internacional, ademais da súa xuventude e ilusión por medrar no fútbol sala español, con gran calidade” valoraba o porteiro que puido regresar a Primeira a tempada pasada tras cumprir co merecido ascenso laranxa.

“O club está traballando moi ben dando continuidade ao bloque e buscando eses reforzos necesarios que nos ofrezan un paso adiante para poder encamiñar a tempada con menos apuros” reflexionaba un dos laranxas máis queridos pola afección, co que o novo proxecto burelista segue avanzando cara a 2020-21, xunto a Matamoros, Lucho, Iago Míguez, Álex Diz, Renato, Pitero, Eto’o e Kaluza.