O Burela a un paso da Final Irmandiña da XIV Copa Galicia

Vista Alegre decidirá este sábado o penúltimo paso da XIV Copa Galicia, co partido de volta de semifinais ante o Viaxes Amarelle FSF.

0

O Pescados Rubén Burela FS recibirá as herculinas ás 19.00 horas (con emisión en directo de TVG2), coa ampla vantaxe da ida de 1-10. O acceso será gratuíto para Abonados Mixtos e Abonados Femininos, que terán parsar por taquilla para recoller o número de asento.

Venda de entradas en taquilla

Vista Alegre habilitará a venda de entradas (con asignación de asento) dende as 18.00 horas en taquilla, por rigorosa orde de chegada. O prezo de soci@s 2020-21 será de 10 euros e para non socios de 15 euros.

 

Con esta cita, as Guerreiras pecharán o calendario de pretempada, co inicio ligueiro previsto para o sábado 17 en Alcorcón (18.00 horas), tras o cambio de formato publicado onte pola RFEF, con aparición de 2 subgrupos de 9 equipos. Regresan a Vista Alegre, tras a vitoria do mércores ante o Castro FSF, de Segunda, no cuarto amigable de preparación: “O inicio non foi bo, pero na segunda parte melloramos moito e tivemos infinidade de ocasións; atopámonos moi ben” reflexionaba a lusa Jenny sobre o comezo da semana, agardando que o traballo e a evolucións dos dous meses de traballo de pretempada se poida reflectir unha vez máis sobre a pista este sábado ante un rival que regresa esta tempada á elite.

“Amarelle ten algunhas fichaxes de Primeira, bos reforzos. Somos dous bloques diferentes ao partido de ida. Nós témolo ben encamiñado pero debemos cumprir na pista” adiantaba Jenny, que terá que facer as maletas xa ao remate do enfrontamento para un novo chamamento con Portugal. “Estou encantada, con moitas ganas de volver vestir esta camisola despois de 8 ou 9 meses e desexando medirme a Ale de Paz, defendendo a España”, confesaba a 9 laranxa, cos amigables de seleccións marcados para o martes 13 (16.00 horas) e mércores 14 (12.00 horas) na localidade lusa de Quinta dos Lombos.

Julio Delgado e Lucas terán á súa disposición a todo o vestiario a excepción, de Peque e Cely, por lesión, e de Ale de Paz, pola concentración da Selección Española.

 

 

Ourense-Poio, aprazado

O encontro entre Ourense Envialia e Poio Pescamar, protagonistas da outra semifinal -prevista para o mesmo día e á mesma hora-, quedou aprazado por un caso positivo nun familiar directo dunha xogadora ourensá.