Dende as 9:30 horas preto de 400 corredores despedirán o ano competindo no circuíto do Velódromo Municipal. Esta última proba oficial do 2019 será un ensaio xeral de cara á cita que se celebrará o 11 e o 12 de xaneiro na Illa das Esculturas.
A Selección que a Federación Galega de Ciclismo presentará en Pontevedra acabará de definirse no evento organizado pola A.D. Avanza, contando co Concello do Porriño como patrocinador. O escenario no que se pugnará polas coroas autonómicas, dende a categoría cadete ata a máster-60, ten unha lonxitude de 2,5 quilómetros.
Como aperitivo ao Campionato de Galicia, o III Trofeo Ciclocross Avanza abrirase coa carreira de Promoción, reservada para as nenas e nenos que aínda non alcanzaron a idade mínima para competir. Ás 10:00 comezará a batalla polas medallas coa primeira quenda de saídas na que se porán en marcha os máster-50 e 60, os máster-30 e as mulleres máster.
A xornada continuará ás 11:00 cos máster-40, a categoría máis numerosa. Unha hora máis tarde comparecerán en escena as rapazas e rapaces cadetes e unha vez que rematen arrancarán os elites e sub-23, os juniors, as elites e sub-23 e as juniors.
Os prognósticos nas carreiras raíñas están máis abertos que nunca. Na elite e sub-23 masculina, o defensor da coroa Saúl López (Maceda) terá como principais ameazas ao ciclista profesional de estrada Daniel López Parada (Burgos BH), actual líder da Copa Galicia, e a un trío de corredores porriñeses, especialmente motivados ao competir na casa: Jacobo Ucha (Marcisport), Luis Fernández Oliveira (Avanza) e Jorge Punzón (Cosmos).
En canto á proba elite e sub-23 feminina, as principais favoritas á vitoria absoluta son a local María Jesús Barros (Spol) e Carla Fernández (Río Miera). Do mesmo xeito que no resto de eventos do calendario autonómico, no Campionato de Galicia tamén se repartirán puntos para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).