O alcalde planea un decálogo para a unificación dos dous clubs de Terceira División da cidade: Ourense CF e Unión Deportiva Ourense

0
Foto: Yedra Seara

 

Ourense, 22 de Xuño de 2020 – O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, dá a coñecer o “decálogo proposta” para a unificación dos clubs de fútbol de terceira división, Ourense CF e Unión Deportiva Ourense, coa mensaxe “Ourense somos todos”. É por isto que espera que se poida acadar esa “desexada unificación” que levaría consigo “recuperar a esencia do que foi CD Ourense”. Para isto traslada a proposta no decálogo:

1- A UD Ourense sería o club que lidere a fusión entre ambas entidades.

2- Tentaríase recuperar para o novo club o nome do desaparecido CD Ourense; así mesmo, as cores do club resultante serían camiseta vermella, pantalón azul; como segunda equipaxe lucirían camiseta branca e pantalón negro.

3- A UD Ourense deberá transformarse en SAD ao longo da tempada 2020-21, pasando o control a un ente de titularidade municipal, de modo que o club sexa patrimonio de todos os ourensáns.

4- Obteríase apoio económico mediante sponsors privados para a UD Ourense durante a tempada 2020-21, coa fin de tentar o ascenso de categoría nun ano clave debido á nova reestruturación do fútbol español. Loitarase para acadar o paraugas dun profesionalismo rendible que xere ingresos, postos de traballo e visibilidade do nome de Ourense.

5- O Ourense CF non se fusionará coa UD Ourense até que a débeda de aquel sexa cero. Durante ese proceso, e dado que o Ourense Club de Fútbol ten varios xogadores profesionais no seu equipo como en clubs de superior categoría, o Ourense CF cederalle á UD Ourense todos aqueles xogadores que considere necesarios para o novo proxecto, sempre e cando os ditos futbolistas non teñan oferta de superior categoría á que nese momento dispute a UD Ourense.

6- Durante este proceso de fusión total, ambas directivas manterán reunións periódicas coordinadas pola persoa que o Concello designe para tal efecto.

7- Primará o interese social e de ocio – saúde no novo proxecto, apostando por fortalecer a base deportiva do Concello a través do novo club, baixo o lema “Deporte Para Todos”. Promoverase a construción dunha cidade multideportiva para mellorar infraestruturas de actividade en Ourense, así como a remodelación do estadio do Couto como lugar deportivo e de eventos varios.

8- O Concello fará unha discriminación positiva no aumento de practicantes de base no deporte feminino, de modo que se intentarán unificar tamén os clubs de División de Honor de fútbol sala e se potenciará a base deste.

9- No caso de que o Ourense CF ascendese á 2ª División B en xullo de 2020, a fusión e proxectos municipais descritos serían á inversa, é dicir, sería a través da SAD deste club; club que o Concello compraría polo prezo simbólico de 1 €, que tería control de titularidade municipal e cuxo pasivo, total parcial, nunca sería asumido polas arcas públicas senón por fondos privados.

10- A data tope para a aprobación da fusión en asemblea será o 10 de xullo de 2020.