Foto: Carlos Domarco

Ourense, 13 de xuño de 2020.- As xestións que ven realizando o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome para conseguir recuperar a esencia do desaparecido CD Ourense, poden ser unha realidade, despois de que no día de onte se chegase a un principio de acordo coas directivas do Ourense CF e da Unión Deportiva Ourense, para esa unificación pola que dende un principio apostara o rexedor, como así puxo de manifesto ante a opinión pública e logo lles trasladou ás dúas directivas.

Neste senso, o rexedor manifesta, logo da última reunión que mantivo onte coas directivas por separado, a súa satisfacción por poder “conseguir algo que nun principio parecia un imposible, coma era esa necesaria unificación dos dous clubs”. Considera Gonzalo Jácome que o enfoque que puxo enriba da mesa na última reunión coas directivas foi determinante para que se poida chegar a esa unificación. “O plantexamento foi moi claro, e ciméntase en que o Concello de Ourense pase a ter a maioría do recuperado C.D. Ourense, asumindo a dúas estruturas coas que contan nestes intres os dous clubs, co cal pasaría a ser municipal, en definitiva, de todos os ourensáns”, e dese xeito “recuperar a esencia dun club que nunca debemos deixar perder”.

Pon de manifesto o alcalde que “un dos obxectivos que me marcara era a unificación dos dous clubs e que a cidade e a provincia volvan ter un referente futbolístico como o que marcou C.D. Ourense”, para agradecer a boa disposición das dúas directivas para facer posible “o que nun principio parecía inviable polas posicións distantes que tiñan inicialmente”.