O 5º Rally «Ourense Ribeira Sacra» terá lugar os días 4 e 5 de novembro

0

 

Os afeccionados do motor teñen unha nova cita os vindeiros días 4 e 5 de novembro, coa celebración do 5º Rally «Ourense Ribeira Sacra», unha proba do Campionato Galego de Rallys de asfalto 2016, para o que será puntuable cun coeficiente 7A presentación desta celebración tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; o alcalde de Maceda, Rubén Quintas; o tenente de alcalde de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto; o presidente da Escudaría Luintra, Roberto Soto, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral; e representantes da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil.

 

A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva «de referencia para Galicia no mundo automobilístico que aúna deporte, turismo e gastronomía, dinamizando a economía dos municipios polos que discorre», asegurou Rosendo Fernández, que engadiu «este evento encaixa dentro do concepto de espectáculos deportivos polos que o goberno provincial aposta».

 

Asemade o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia da «cooperación» entre institucións públicas e privadas para «levar a cabo unha proba de referencia en Ourense e que será todo un espectáculo que non deixará indiferente a ninguén».

 

Rubén Quintas salientou que o Rally «Ourense Ribeira Sacra» é «unha das actividades deportivas que xa teñen nome,e  que atravesará o núcleo da vila grazas ao esforzo de protección civil, do concello e dos veciños, para convertela nun gran espectáculo no centro da localidade». «Unha das grandes apostas do Concello de Maceda –sinalou Rubén Quintas-  é desenvolver actividades que promocionen o noso municipio, sobre todo, entre os máis mozos».

 

Pola súa parte, Raúl Soto agradeceu á Escudaría Luintra «o labor que realiza dando a coñecer Luintra con este tipo de actividades», mentres que Mario Guede lembrou que Ourense tamén ten «no seu calendario, esta proba como un dos eventos do motor máis importantes» e felicitou á Escudaría pola «posta en marcha deste quinto rally, detrás do cal se agochan moitos meses de traballo».

 

O presidente da Federación Galega de Automobilismo destacou a importancia do capital humano para desenvolver este tipo de eventos «para o que traballarán a reo durante a fin de semana preto de 500 persoas», e salientou a gran afección que ten o automobilismo en Galicia «que conta cunha gran cantidade de seareiros do mundo fo motor».

 

Esta celebración do motor, organizada pola Escudaría Luintra, e que nesta edición conta con «108 inscritos» segundo Roberto Soto, transcorrerá por boa parte da provincia de Ourense, concretamente mañá venres, 4 de novembro, terán lugar as verificacións técnicas na localidade de Luintra durante a tarde, e a pasada nocturna no Concello de Ourense polo tramo de Castro de Beiro (5,12 quilómetros), a partir das 20.00 horas, con gran afluencia de xente.

 

Ao día seguinte, a proba desprazarase pola mañá aos concellos de Maceda, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil. A xornada do sábado contará con catro tramos cronometrados, o primeiro será Loureiro-Caxide (11,60 quilómetros), percorrido máis longo que noutras edicións e co cambio de sentido do recorrido polo corazón da Ribeira Sacra e a dobre pasada. O segundo tramo da mañá transcorrerá por Maceda onde se realizarán dúas pasadas ao tramo Baldrei-Maceda (12 quilómetros), pola zona urbana da localidade ao igual que na edición anterior, aínda que con algunha modificación. Pola tarde celebraranse dous tramos cronometrados, o primeiro deles serán dúas pasadas ao tramo San Miguel-Luintra (10 quilómetros), tradicional percorrido desta proba que reúne a numerosos afeccionados e, o segundo tramo será Almorfe-Luintra (12 quilómetros).

 

Por último, terá lugar a entrega de trofeos e premios, tanto da clasificación xeral como das distintas copas de promoción. Os representantes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil lembraron aos espectadores da proba a importancia de que atendan as indicacións da organización e respecten, no caso de desprazarse en coche, as normas de circulación.