O 4º Rally Ribeira Sacra contará con 130 participantes

0

 

Será a ultima proba deportiva do Campionato Galego na que se decidirá o campión de Galicia.

 

O cuarto Rallye Ribeira Sacra que é a última proba do campionato galego contará con 130 participantes. A presentación deste evento deportivo tivo lugar  no Pazo Provincial na que estivo presente o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral; o alcalde de Maceda, Rubén Quintas; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; o segundo tenente de Alcalde de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto; e o presidente da Escudería Luintra, Roberto Soto.

0 presentacin 4 rally Ribeira SacraJuan Anta destacou a importancia deste evento deportivo por ser «unha das probas automobilísticas de referencia en Galicia» e engadiu que dende a Deputación de Ourense «apoiamos este deporte de gran espectáculo que vai da man do turismo pois é un dinamizador dos Concellos nos que transcorre a proba». Ademais fixo un chamamento a que «todo o mundo participe e o faga con moita responsabilidade».

Este evento automobilístico no que «traballarán preto de 600 persoas ten un gran éxito deportivo porque é a última proba do campionato galego e sempre se decide o campión de Galicia nela inclusive este ano que son oito os pilotos que poden gañar o rally», asegurou Iván Corral.

Esta proba automobilística desenvolverase os días 27 e 28 de novembro e o venres terá lugar unha especial nocturna con saída ás 20.00 horas que será cronometrada. «Espérase unha gran asistencia a este evento deportivo non só de Galicia senón tamén do Norte de Portugal, de Castela e León e de Asturias», afirmou Iván Corral.

O tramo do rally que discorre polo Concello de Maceda presenta cambios con respecto a outros anos, tal e como asegurou Rubén Quintas «incrementouse o atractivo da proba metendo unha parte importante deste tramo por vía urbana».

Mario Guede destacou «o compromiso do Concello de Ourense ca Deputación de Ourense que están da man en todas as actividades deportivas que son boas para a provincia e para a nosa cidade». E nesa mesma liña de apoio ao deporte, Raúl Soto asegurou que o Rallye Ribeira Sacra «é a estrela do noso Concello para darnos a coñecer a nivel autonómico».