O 3 de xuño celebrarase o Campionato Galego de Tríatlon sen Drafting en Baiona

O domingo 3 de xuño terá lugar en Baiona o IV Tríatlon Atlántico Baiona - Campionato Galego de Tríatlon Standar sen Drafting 2018, coa participación de 450 deportistas.

0

O Campionato Galego dispútase sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe) con saída dende a praia de A Barbeira. A meta e a área de transición están instaladas nas pistas polideportivas do Parque de Palma. A principal característica desta proba é que se disputarán sen drafting, é dicir, estará prohibido ir a roda doutro ciclista ou circular en pelotón.

A proba comezará ás 09:00 horas na praia de A Barbeira e entre os participantes hai importantes triatletas polo que se espera un magnífico espectáculo. Na categoría feminina non estará a vencedora do pasado ano, Saleta Castro, que a pasada fin de semana disputou o Ironmán de Lanzarote, pero na lista de inscritas atópanse Edymar Brea (TriPenta Terras de Lugo), Sonia Pariente (Tríatlon Rías Baixas) –segunda no Galego o pasado ano-, Cristina Torres (Mar de Vigo) -3a en 2017-; Mónica Alarcón (NoSportLimit), entre outras.

Na categoría masculina, Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial), campión os dous últimos anos, está agora máis centrado na media distancia e non participará. Así a proba preséntase moi aberta con triatletas coma José Manuel Pardo Leis (Tríatlon Arteixo), Martín Carrera (Natación Riveira), Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo Fluvial), Carlos Brión (Natación Riveira), Jacobo Crego (Olímpico de Vedra) ou Luis Álberto Paredes (Galaico Motobike de Pontevedra).

Ano 2017

Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) e Saleta Castro (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse o pasado ano campións galegos de tríatlon sen drafting, no III Tríatlon Atlántico Baiona. Na categoría feminina gañou a proba a neozelandesa Anneke Jenkins.