Foto: LP's Photography

Fin de semana perfecta para Iván Manoel Montero no Campionato de España de Ciclismo Adaptado en estrada que tivo como escenario o Circuito de Cartagena. Tras impoñerse o sábado na carreira en liña, o handbiker da Selección de Galicia defendeu con éxito este domingo a súa coroa estatal de contra o reloxo individual (CRI) na categoría MH5. O coruñés volveu liderar a actuación do cuarteto que luciu as cores do combinado autonómico no trazado murciano.

Ao igual que na xornada anterior, Montero venceu con moita solvencia. O percorrido de 14,5 km completouno en 25 minutos e 39 segundos, rodando a unha media de 3,5 km/h. O segundo clasificado, José Rojas (Sevilla No&Do), rematou a 5:21 do galego.

Fotos: LP’s Photography

«As sensacións foron boas e conseguín manter un bo ritmo», explicou o coruñés despois de revalidar o título: «Na primeira volta xa collera ao segundo clasificado, polo que só quedaba manter o ritmo e desfrutar». Montero amosouse «contento» polas dúas medallas, pese «ás dificultades deste ano para que se puidese disputar o este evento».

O dobre campión de España nas handbikers de clase 5 quixo destacar «o bo ambiente que reinou dentro da selección. Todo o mundo deu o mellor de si. Fomos unha piña e, sen dúbida foi do que máis desfrutei».

Os outros corredores dirixidos nesta cita polo seleccionador galego Guillermo Sande asinaron resultados similares aos obtidos nas carreiras en liña. Álvaro Illobre terminou quinto na crono da categoría MH4, mentres que Severino Mata e Diego Pérez finalizaron noveno e décimo terceiro, respectivamente, na loita contra o reloxo da competición MC5.