Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo

A localidade pontevedresa de Moaña será a sede esta fin de semana do Campionato de España de Enduro 2019 – Toyota Nipocar, ata onde se desprazarán ao redor de 300 riders, o que supón todo un éxito en canto a participación.

O evento organizado polo Club THC Bike foi presentado este mércores no Concello de Moaña. A este acto asistiron Leticia Santos, alcaldesa desta localidade morracense; María Ortega, concelleira de Benestar Social; Juan Luis Nogueira, presidente do THC Bike; Alberto Sánchez, tesoureiro do club; Amadeo Docampo, secretario do club; Alberto Martínez, vogal do club; Begoña Carpinteiro, delegada federativa da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC); e Óscar Sánchez, directivo da Federación Galega de Ciclismo (FGC).

Neste campionato non faltarán os actuais campións en categoría elite, Edgar Carballo e Sandra Jordá, do mesmo xeito que a muller máis rápida en 2018, a galega Desirée Duarte, que quererá volver lucir o seu mellor nivel ante os seus paisanos.

Outro galego, Toni Ferreiro, chega á cita coa ambición de subir un chanzo e alzarse co ouro despois de conquistar a prata en Teror. A medalla de bronce 2018, Gabriel Yeray Vargas, tamén estará presente en Moaña. De acordo ás preinscricións, outros riders destacados que non quixeron perderse esta relevante cita son Iago Garay, Gabriel Torralba, Mariano Mari ou Mireia Baquedano.

Cinco serán os tramos cronometrados aos que terán que facer fronte os participantes, con 35 quilómetros de distancia a percorrer e máis de 1.500 metros de desnivel acumulado no que os participantes haberán de espremer a súa técnica de baixada, pero tamén a súa potencia para rodar.

O sábado terán lugar os adestramentos oficiais, as verificacións administrativas, a recollida de dorsais e o briefing técnico. Xa o domingo, a competición arrincará ás 08:00 horas, coñecendo aos novos campións ao redor das 14:00 horas.

O desenvolvemento da competición poderá seguirse a través das redes sociais da Real Federación Española de Ciclismo e seguindo o hashtag #CEEnduroMoaña19

Comentarios