Miguel Barreiro Estévez, integrante do club Yidam-CEIP Balaídos e subcampión do mundo de taekwondo praia na modalidade de Rompementos, foi seleccionado para formar parte do Equipo de exhibición da Federación Mundial. É a primeira vez na historia que un español obtén este nomeamento.

Desde o 1 de xuño ao 31 de decembro realizará exhibicións por todo o mundo no equipo que neste momento é o mellor do mundo. Miguel Barreiro participou no Cto do mundo praia celebrado na illa de Rodas, Grecia, e obtivo ademais do subcampionato na modalidade de Rompementos libres, tamén o mesmo posto en rompemento de salto de altura e en quinteto freestyle de exhibición.

A modalidade de rompementos libres, é sen dúbida a máis espectacular: O participante ten 2 minutos de tempo e pode romper un máximo de 10 táboas en modo de coreografía. Despois do pase á final, a actuación de Miguel foi espectacular só fallou unha táboa quedándose a escasas décimas do representante coreano que obtivo o campionato.

Miguel é cinto negro 1er dan, leva practicando taekwondo desde os 4 anos como actividade extraescolar no colexio Balaídos ata que decidiu unirse aos grupos de exhibición do club Yidam onde conseguiu ser tres veces campión de España de exhibición.