Miguel Ángel Mera e Carla Fernández remataron entre os dez primeiros nas carreiras en liña do Campionato de España Júnior

0

Os Campionatos de España Júnior e Máster de estrada 2019 despedíronse este luns na localidade asturiana de Pravia coas carreiras en liña dos juniors masculinos e das juniors e mulleres masters. A Selección de Galicia presentou a once ciclistas e nas dúas probas contou con representación no Top-10. Carla Fernández e Miguel Ángel Mera asinaron un resultado idéntico, ambos ocuparon a décima posición nas clasificacións

A mañá arrancou coa cita para as juniors e as masters (79 km); unha carreira que tardou en racharse, malia os constantes ataques que se realizaban para tratar de formar unha fuga. Entre as ciclista que o intentaron sen éxito estivo a viguesa Carla Fernández.

O movemento que fixo dano de verdade protagonizárono tres corredoras no Alto de Cabruñana e dese trío sairía a vencedora en solitario Amaia Lartitegi (Euskadi). As súas dúas acompañantes serían neutralizadas por un grupo de once unidades no que estaba Fernández. Na loita pola prata e o bronce resolta nos metros finais, á galega correspondeulle o décimo posto na táboa. Cruzou a liña de meta a 40 segundos da gañadora. Unicamente dezanove ciclistas completaron o percorrido.

A competición masculina disputouse a continuación sobre 117 Km. Ao redor do quilómetro 70 produciuse un importante ataque. O galego Brais Gómez saltou xunto ao estremeño Carrascosa e o madrileño Guzmán tratando de facer oco.

O pelotón, encabezado durante gran parte dese treito da carreira pola Selección de Andalucía, manexou unhas diferenzas nunca superiores ao minuto co terceto cabeceiro. A subida a Cabruñana volveu exercer de xuíza e Carrascosa quedouse so por diante tras realizar unha gran ascensión. Dende o grupo perseguidor cinco ciclistas lanzáronse a súa persecución e despois de contactar co estremeño xogáronse o título ao esprint. Venceu Juan Ayuso (Valencia).

A 51″ dos seis primeiros terminou un pelotón no que Mera aproveitou a súa punta de velocidade para obter o décimo posto. Os outros seis integrantes da Selección de Galicia tamén alcanzaron a meta: Ianni Gianneli (47º) e Manuel Rodríguez (49º), a 4:51; Gómez (56º), a 5:17; e Manuel Sampedro (79º) e Daniel Sanín (83º), a 12:14.

Clasificación feminina 

Clasificación masculina

Federación Gallega de Ciclismo