Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Francisco Doforno.

Ourense, 8 de xullo de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou hoxe ao presidente do Pabellón Ourense C.F., Francisco Doforno, a «máxima cooperación» por parte da institución provincial co novo proxecto deportivo nesta nova etapa do club, que no ano 2022 cumprirá cincuenta anos de existencia.

Na reunión celebrada no Pazo Provincial, Doforno expúxolle a Baltar as liñas estratéxicas do novo proxecto para este club deportivo, «que significa contar con 1.200 rapaces da provincia de Ourense, con 77 monitores, a escola deportiva de fútbol de base máis importante de Galicia, pois nin clubs como o Celta ou o Deportivo contan cunha canteira como esta, e a Deputación de Ourense vai a estar aí, colaborando co orzamento referido á posta en marcha dun proxecto deportivo como este», expresa Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial pon de relevo «a importancia que supón unha iniciativa destas características, polo que significa de aposta pola mocidade e polo deporte, dúas palabras que sempre se escribiron con letras maiúsculas na andaina da Deputación de Ourense», comenta Baltar, quen agradece a Doforno que o fixera partícipe de todos os proxectos que prevé levar a cabo, e confirmou que a Deputación «estará nese 50º aniversario do Pavillón dos Remedios, unha entidade deportiva senlleira na nosa provincia, e recoñecemos o traballo de Francisco Doforno e do seu equipo, nos que destaca a vocación e o amor polo deporte, o que, sen dúbida, son os mellores argumentos para desenvolver unha xestión deportiva eficaz», destaca Manuel Baltar.