Martín Bouzas cólgase a prata na contra o reloxo sub23 do Campionato de España

0

O defensor do título no puido revalidar a súa coroa, pero conseguiu a medalla que faltaba na súa colección. Ouro no 2016 e 2018, e bronce no 2017, Martín Bouzas colgouse a prata este venres na proba contra o reloxo sub23 do Campionato de España que se está celebrando na Región de Murcia. O corredor da Selección de Galicia rematou a 24 segundos do gañador Mikel Azparren (Euskadi).

Os 21,6 quilómetros do circuíto con inicio e final na localidade de Yecla eran ideais para os especialistas nesta disciplina. A metade do percorrido, no km 10,6, o ciclista de Rois marcou o terceiro mellor rexistro (14:54) a tres segundos do tempo de Iñigo Elosegui (Euskadi). Os cinco primeiro estaban nunha marxe de nove segundos.

Todo se decidiu no segundo treito, un terreo rápido e favorable de regreso a Yecla. Nese sector Azparren remontou dende a quinta posición e asinou un triunfo incontestable. O vasco detivo o cronómetro en 26 minutos e 51 segundos. Bouzas tivo que apertar os dentes ata a liña de meta para conseguir a prata, con dous segundos de vantaxe sobre o terceiro clasificado Joan Bennassar (Baleares) e con tres en relación a Elosegui, cuarto finalmente.

Guillermo García, o outro representante da Selección de Galicia, quedou ás portas do Top-10. Cun rexistro de 28:01, tan so un segundo separou ao pontevedrés do décimo mellor tempo.

Sanmartín, cuarta

A actuación galega nesta primeira xornada do campionato completouna a sub23 Paula Sanmartín. Defendendo as cores do seu equipo Eneicue Women, a viguesa obtivo a cuarta posición na súa categoría.

En percorrer a mesma distancia que os homes sub23 inverteu 31 minutos e 40 segundos, concluindo a dezanove segundos de María Banlles (Catema), que se adxudicou o bronce, e a trinta da vencedora Iurani Blanco (Sopela). A Sanmartín correspondeulle a undécima praza na clasificación absoluta elite e sub23.

Carreiras en liña

Este sábado comezarán as competicións en liña coa Sub23 masculina (09:30 horas) , na que a Selección de Galicia regresará a escena formando con nove ciclistas.

Abel Franco, Adrián Barros, Iván Feijoo, Aarón Mariño, José Carlos Amil, Alejandro Regueiro, Guillermo García, Raúl González e Martín Bouzas comporán a aliñación do conxunto autonómico. Os 157,8 km de percorrido están chamados a decidirse na subida ao Castillo de Lorca, que se coroará a catro quilómetros para a conclusión.

Pola tarde (16:30 horas) celebrarase a carreira Elite e Sub23 feminina, sobre 120 km, e para o domingo (09:00 horas) quedará a Elite e Elite UCI masculina coa presenza de tres equipos galegos: Vigo-Rías Baixas, Supermercados Froiz e Aluminios Cortizo. Estas dúas probas raíñas poderán seguirse en directo a través de LaLigaSports.

Clasificación sub23 masculina

Clasificación feminina 

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo