En 25 minutos e 3 segundos o ciclista do Supermercados Froiz completou os 18,9 quilómetros de percorrido. Con ese rexistro quedouse a 13″ do gañador Jaime Castrillo (Aragón) e a 9″ do segundo clasificado Sergio Samitier (Aragón). Os dous aragoneses tamén superaron ao representante da Selección de Galicia no punto intermedio do quilómetro 10,5, onde Samitier foi 7″ máis rápido que Castrillo e 10″ que Bouzas.

“Fixen moi boa crono e estou moi contento. Non cometín ningún erro e calculei á perfección os puntos nos que tiña que apertar. Non se puido gañar porque dous rivais estiveron moi fortes e foron superiores. Non hai outra explicación”, sinalou.

Para Bouzas, de segundo ano na cateoría sub23, este metal supón prolongar a súa espectacular xeira. No 2015 proclamouse campión júnior de contrarreloxo e o ano pasado sub23 da mesma modalidade. “Este bronce é un pasiño máis. Vou sumando resultados para seguir avanzando e poder algún día chegar aí arriba”, sinalou.

A participación da Selección de Galicia nesta proba completouna Diego González. O coruñés do Club Ciclista Rías Baixas rematou 22º a 1:49 de Castrillo.

 

Sanmartín, 4ª en sub-23

A continuación chegou a quenda das mulleres elite e sub23 sobre o mesmo percorrido. A galega Paula Sanmartín foi a quinta mellor sub23 cun tempo de 32:10, a tan so 1″ da cuarta Miriam Gardachal (Navarra) e a 22″ da terceira clasificada Julia Rodríguez (Castilla y León). A viguesa do Bioracer Elmet ocupou a 16ª praza na táboa absoluta. Pola súa banda, a súa compañeira de selección Sandra Moral finalizou 28ª. A elite do Cidade de Lugo – Esturión detivo o reloxo en 34:40.

As carreiras en liña disputaranse este sábado. A xornada abrirona ás 09:30 horas os sub23 masculinos con oito corredores do combinado autonómico en liza: Martín Bouzas, Alejandro Regueiro e Antonio Portela (Supermercados Froiz), Diego González e Raúl González (Club Ciclista Rías Baixas), Cristian Mota (Aldro Team), José Carlos Amil (AMPO) e Miguel Montero (Cambre – Caeiro).

Serán 145,8 quilómetros con saída en Garray e meta en Soria, pero cun trazado diferente ao que pola tarde afrontarán as mulleres. Cos mesmos puntos de inicio e final, as elite e sub23 terán que completar 105,2 km. Sandra Moral e Paula Sanmartín repetirán nesta proba e a elas sumarase por parte galega a vixente campioa autonómica elite María José Gómez (Cambre – Caeiro).

Comentarios

Maxithlon