Marta Barbeito e César Saracho, vencedores do V Tríatlon Concello de Arteixo

0

 

Marta Barbeito e César Saracho, vencedores do V Tríatlon Concello de Arteixo na proba, que está incluída no circuíto galego, participaron 200 deportistas.

  • Susana Rodríguez, prata na proba Mundial de Paratriatlon en Francia

 

 

Marta Barbeito (A.D. Fogar) e César Ramiro Saracho (Tríatlon Arteixo) proclamáronse  gañadores do V Tríatlon Concello de Arteixo, segunda proba do Circuito Galego de Tríatlon de Estrada e clasificatorio para o Campionato Galego de Tríatlon 2015.

Marta Barbeito foi a máis regular da proba e niso cimentou a súa vitoria. Foi a primeira clasificada na natación, a segunda no ciclismo e a cuarta na carreira a pe, e así controlando a proba en todo momento logrou o triunfo. Sen embargo, Priscila Suárez (Tríatlon Ferrol) fixo unha moi mala natación, que foi decisiva no resultado final. Así, a pesar da gran remontada e de ser a mellor nos outros dous segmentos, non puido alcanzar a Marta. Desta forma, a primeira posición foi para Marta Barbeito cun tempo de 01:20:29, mentres que segunda foi Priscila Suárez (01:20:53) e terceira, Salomé Calviño (A.D. Fogar) cun tempo de 01:22:38.

Na categoría masculina, César Saracho dominou a proba dende o inicio. Saíu da auga uns segundos por detrás do líder, o seu compañeiro de club Iván Rubio e así iniciaron a bicicleta. Pero o mexicano logrou poñerse por diante no ciclismo e xa non deixou esta posición de privilexio en momento algún. Así, chegou a meta primeiro cun tempo de (01:03:51), mentres que segundo foi Iván Rubio (01:06:27) e terceiro, Sergio García (Arcade Inforhouse) cun tempo de 01:06:45.

A competición comezou ás 15:30 horas coa saída da proba popular (300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). O resto das probas disputouse sobre a distancia sprint (750-20-5) e en total participaron 200 triatletas.

 

As e os gañadores noutras categorías foron:

  • Cadete: Salomé Calviño (A.D. Fogar) e Carlos González (A.D. Fogar).
  •  Júnior: Pedro Álvarez (A.D. Fogar).
  •  Sub 23: Diana Cotón (Arcade Inforhouse) e César Ramiro Saracho (Tríatlon Arteixo).
  •  Veterán 1: Patricia Sánchez López (NoSportLimit) e Iván Rubio (Tríatlon Arteixo).
  •  Veterán 2: José Manuel Otero (Muralla de Lugo).
  •  Veterán 3: Jorge García (San Roque-Tríatlon Viveiro)
  •  Clubs: A.D. Fogar (feminino) e Tríatlon Arteixo (masculino).

 

Susana Rodríguez, prata na proba Mundial de Paratriatlon en Francia

IMG-20150718-WA0013A viguesa Susana Rodríguez acadou unha meritoria medalla de prata na proba mundial de Paratriatlon que se disputou hoxe en Iseo (Francia). Foi unha segunda posición con valor extra, xa que a galega e a súa guía sufriron unha caída na bicicleta que lles impediu gañar a proba.

Susana, que compite na categoría PT-5 para deportistas con discapacidade visual, chegaba a esta proba con algunhas dúbidas polas malas sensacións que tiveron no Europeo de Ginebra hai so uns días. Afortunadamente en Iseo todo foi ben diferente. As sensacións foron moi positivas, sobre todo porque remataron segundas a pesar dunha caída na bicicleta ao realizar un xiro complicado, que lles fixo perder máis dun minuto. A primeira posición foi para a australiana Katie Kelly, que corre cunha guía que foi subcampioa olímpica, cun tempo de 01:17:33, mentres que segunda foi Susana Rodríguez (01:18:01) coa súa guía Mayalen Noriega.