Mareantes RCP sae airoso nun desprazamento trampa.

    0

     

    Viaxou o equipo lerezán plagado de baixas importantes (Punti, Juancho, Amo, Brenno, Mateo…) a Rianxo este domingo para visitar ao colista do campionato, un Barbanza RC que, a pesares de ser o farol vermello da competición é sempre un equipo difícil de batir no seu feudo.
    O partido comezou cun Mareantes sufrindo moito nas fases estáticas, onde sempre adoita ser dominante, algo que xerou certa incertidume na dianteira blanquinegra e, tamén, certo nerviosismo nunha liña de 3/4 que non encontraba ocos con facilidade debido, entre outras cousas, a unha boa defensa dun Barbanza disposto a sacar o mono de traballo para deter as embestidas visitantes. Foi, precisamente, nunha desas xogadas nas que o Mareantes conseguiu a súa primeira marca logo dunha boa conexión entre Guille e Jaime, que conseguiu posar o oval dentro da liña de marca local. (0-7).
    Aínda indo por riba no marcador o nerviosismo dos blanquinegros seguía sendo moi evidente, comentendo erros absurdos e concedendo demasiados golpes de castigo que foron aproveitados polos locais para reducir distancias antes do término da primeira metade. (3-7).
    Á volta dos vestiarios, o Mareantes comezou cunha marcha máis o encontro, sobre todo grazas a unha dianteira que, agora si, parecía máis cómoda e dominante en fases estáticas. Obra da dianteira foi o segundo dos ensaios lerezanos, logo dun mal moi ben levado que acabou coa marca dun omnipresente Roberto “Maravillas”. (3-14).
    Non se rendiron os locais que trataron de reaccionar ao golpe encaixado e trataron de aproveitar as súas oportunidades xogando con bastante criterio co pé e tratando de perforar unha 3/4 lerezana que, novamente, volvouse mostrar moi seria e contundente nos contactos para frear as acometidas do seu rival.
    De novo a 3/4 visitante enlazou unha boa xogada, esta vez foi Jaime o que se situou de apertura para abrir un balón a Guille que, fixando a dous defensores, deu un pase a Manu Caballero que acabou na marca deste último. (3-19)
    Nos minutos finais, o Barbanza non baixou os brazos, nin tan sequera logo do golpe de castigo pasado a palos por Guille (3-22) que, a falta de menos de 10 minutos, facía case imposible a remontada. Foi tal o empeño dos locais que só un erro de mans e a, de novo, boa defensa da dianteira blanquinegra impediu que no último minuto convertiran un ensaio que tivera deixado aos visitantes sen puntos bonus.
    Finalmente o resultado non se moveu e o Mareantes voltou a casa con 5 puntos que saben a moito polo nivel amosado por un Barbanza que nunca lle perdeu a cara ao partido.
    O próximo fin de semana haberá descanso para o equipo sénior e o equipo M14 desprazarase a Lalín para disputar a 4ª xornada da LGR.
    Prensa Mareantes RC