Marco Veiga e Uxía Álvarez revalidan en Xunqueira os seus títulos autonómicos de Descenso

O BTT galego baixou o pano da temporada 2019 nun escenario de luxo.

0

O espectacular circuíto de Xunqueira de Espadanedo acolleu este domingo o Campionato de Galicia de Descenso e a última xornada da Copa autonómica. Marco Veiga (CiclosQuintena) e Uxía Álvarez (Coruxo) foron os máis rápidos no trazado ourensá deseñado polo Clube Ciclista Maceda.

O elite naronés revalidou o título de campión de Galicia acadado no 2018 en Vilaboa. Veiga non deu opción ao resto de participantes masculinos e cun rexistro na quenda final de 3 minutos e 38 segundos rebaixou en 3″ a marca do júnior Marco Martínez (Corbelo) e en 4″ a do máster-30 Manuel Pellón (BDM Bike Club).

Tamén retivo a coroa lograda o ano anterior a viguesa Álvarez. Aínda en idade cadete, detivo o cronómetro en 4:59. A máster-30 Estefanía Cabarcos (BDM), cun rexistro de 5:14, e a elite Gemma Seoane (Kamikazes), cunha marca de 6:24, escoltaron no podio á rider do Coruxo.

Cerca de un centenar de pilotos lanzáronse costa abaixo no percorrido de 2,5 quilómetros de lonxitude e un desnivel acumulado de 500 metros. «É o mellor circuíto que hai en Galicia, tanto pola súa lonxitude como polos obstáculos, e está no top-5 de España», sinalou Veiga.

O do CiclosQuintena, gañador do DH Xunqueira no 2018, demostrou que lle ten collida a medida á baixada entre o Monte Meda e Pardeconde. Na quenda clasificatoria asinou un soberbio crono, 3:35, e na final tamén estivo por debaixo do tempo que lle dera a vitoria un ano antes (3:40). «Tiven unha clasificatoria moi boa e na final asegurei. Sabía que o mellor tempo estaba lonxe do rexistro que marcara na  primeira manga», apuntou. Veiga subiu ao podio elite xunto a Sergio Peleteiro (Turoqua), segundo, e Javier Fernández (Traviesas), terceiro.

Cinco coroas máis

A categoría máis axustada foi a Sub23. Víctor Mariño (X Bikes) venceu con 1″ de vantaxe sobre Alejandro Paz (Compostelano) e Kevin Méndez (Rocasport), segundo e terceiro respectivamente.

O segundo clasificado na táboa scratch, Martínez, dominou con claridade entre os juniors. Senen Bastos (Avanza), que se levou a prata, e Ismael Romero (Ponteareas), o bronce, remataron a 21″ do piloto do Corbelo.

Ao máis alto do podio cadete subiu Raúl Miranda (Coruxo). O representante da formación viguesa bateu por 1″ a Marcos Abalo (Castrobikes). O Coruxo tamén se apuntou o bronce con Borja Fernández.

Nos masters cumpríronse os prognósticos. Pellón gañou por diante de Iván Mourelo (DH Galicia), con Carlos Díaz (Jarnachas) completando o podio máster-30, mentres que nos 40 José Manuel Verdía (CiclosQuintena) adxudicouse o título  superando a Jose Montenegro, segundo, e a Fernando Rodríguez, terceiro, ambos do Moto Bike.

Os trofeos de gañadores no DH Xunqueira tamén os recibiron Moisés Santamaría (Tahume) como triunfador nos máster-50 e Adrián García (Compostelano) na modalidade de Enduro. Estas dúas categorías non pertencían ao campionato autonómico.

Copa Galicia

Os resultados deste evento serviron, a súa vez, para resolver a Copa Galicia DHI 2019. Este certame, que comezou en Marín e celebrou a súa segunda xornada no Páramo, chegaba a Xunqueira con dúas clasificacións igualadas no primeiro posto. O empate nos elites entre Peleteiro e Abel Rial (Compostelano) decantouse a favor do biker do Turoqua, e o sub 23 acabou con Paz por diante de Méndez.

O resto de corredores que se enfundaron os maillots finais da Copa foron Cabarcos nas mulleres,  Bastos nos juniors, Fernández nos cadetes, Pellón nos máster-30, Montenegro nos máster-40 e Santamaría nos máster-50.

A entrega de premios, que tivo lugar ao carón do mosteiro cisterciense de Santa María, contou coa presenza de Carlos Gómez, alcalde de Xunqueira; de Ana Caride, en representación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, de Óscar Sánchez, directivo da Federación Galega de Ciclismo, e de membros do Clube Ciclista Maceda.