Manuel Baltar recibe ao secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa

0

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, con quen mantivo unha entrevista de traballo para analizar a evolución da relación nos últimos anos entre a Deputación de Ourense e o goberno autonómico en materia de infraestruturas deportivas e valorar unha nova programación entre os dous gobernos en base ás peticións formais existentes por parte de concellos da provincia de Ourense, así como outras necesidades, tendo en conta a visión provincial e comarcal.

Baltar e Lete amosaron a “absoluta dispoñibilidade” a seguir colaborando, e neste sentido o presidente do goberno provincial afirma que Ourense “ten unha serie de necesidades en materia de infraestruturas deportivas, e nos últimos tempos fixéronse realidade algunhas importantes apostas, que o son tamén no ámbito autonómico e mesmo nacional, como a pista de atletismo en Expourense”, afirmou Manuel Baltar.

Tamén falaron de próximas actuacións conxuntas, que se darán a coñecer en vindeiras reunións, “tendo sempre como obxectivo fundamental –expresa o presidente- a mellora das infraestruturas deportivas”, unha cooperación que en anos anteriores contou coa sinatura de convenios entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Deputación de Ourense “e que así seguirá sendo no futuro, porque estamos convencidos de que a colaboración entre ámbalas dúas administracións é necesaria para seguir mellorando as infraestruturas deportivas”.