Manuel Baltar destaca «o impacto económico, mediático e promocional» que ten o Rallye de Ourense

O presidente da Deputación felicitou, no acto de presentación da proba, que tivo lugar no Liceo, aos responsables deste evento, "estandarte do automobilismo ourensán", por instaurar o premio "José Luis Outeiriño" para o mellor piloto de Ourense.

0
Presentación da 52 Edición da Rallie de Ourense. Asisten Manuel Baltar (Presidente Deputación de Ourense), Jesús Vázquez (Alcalde de Ourense), Jose Ramón Lete Lasa (Secretaría Xeral para o Deporte) entre outras autoridades,

 

Ourense, 23 de maio de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou, no Liceo, na presentación da 52ª edición do Rallye de Ourense – Ourense Termal, que esta proba «reflicte a capacidade organizativa de Escudaría Ourense e supón un escaparate inmellorable para amosar a riqueza paisaxística dos nove concellos polos que este ano discorre a proba. «Todo elo suporá un magnífico exemplo dun rallye perfectamente organizado que conta co apoio das administracións, e así vai seguir sendo, pois a Deputación de Ourense aproba ano tras ano unha achega económica en función da edición que corresponde: esta ano son 52.000 euros, o vindeiro ano serán 53.000 euros, e así se irá incrementando en todas as edicións dunha proba acreditada polo grande impacto mediático, económico e promocional –estímase un retorno económico duns dez millóns de euros-, nunha provincia que é referente no ámbito do au tomobilismo».

O presidente do goberno provincial salientou o Memorial «Estanislao Reverter», denominado «OurenseTermal», e felicitou aos organizadores polo premio «José Luis Outeiriño», «ningún máis merecido que este», que se instaura nesta edición para galardoar ao mellor piloto ourensán desta proba. Tamén reivindicou o peso do Rallye de Ourense como estandarte que é do deporte na provincia de Ourense, «nunha semana na que desapareceu Niki Lauda, tres veces campión do mundo, con orixes en Loña do Monte, Nogueira de Ramuín».

O acto de presentación contou, ademais do presidente Baltar, co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o presidente da Escudaría Ourense, Julio Bouzo; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, e o presidente da Federación Española de Automobilismo, Manuel Aviñó.

O 52º Rallye Ourense – Ourense Termal disputarse os días 7 e 8 de xuño, unha proba que será puntuable, ademais dos campionatos e copas establecidos no Regulamento Deportivo do CERA 2019, para o Súper Campionato de España de Rallyes 2019, a Copa Suzuki Swift, a Dacia Sandero Rallye Cup, e a Copa N5 RMC. Correrase nunha distancia total de 563 quilómetros, 176 dos cales serán cronometrados.