• O presidente da Deputación de Ourense reuniuse hoxe no Pazo Provincial co director xeral da proba ciclista, Javier Guillén, para analizar o que será «un novo éxito de promoción internacional da nosa provincia vencellado ao deporte e ao turismo», expresou Baltar 
  • Guillén salientou a «excelente relación da Vuelta coa Deputación de Ourense, engadindo: «Somos uns namorados da Ribeira Sacra e sempre que poidamos trataremos de situala no percorrido» 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou hoxe que a «Vuelta» a España, a proba ciclista máis importante do mundo xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia estará novamente na provincia de Ourense, no ano 2020, como xa o fixera en 2016, 2017 e 2018. 

Baltar reuniuse hoxe no Pazo Provincial co director xeral da proba ciclista, Javier Guillén, para analizar o que será «un novo éxito de promoción internacional da nosa provincia vencellado ao deporte e ao turismo», expresou o presidente, salientando que este foi un dos seus anuncios no pasado Debate sobre o estado da provincia, e subliñou que a fonda relación de Ourense con esta competición «fixo que aquí comezara unha das edicións, que se chamou «Ourense Termal-Madrid, e desde aquela, retornou a Vuelta concretamente á Ribeira Sacra, en vésperas de que en 2021 este espazo sexa declarado Patrimonio Mundial pola Unesco». «A reunión de hoxe –expresou Baltar- serviu para apuntalar todas estas cuestións, que vislumbran que no ano 2020 teremos unha etapa importante na provincia de Ourense, na que a Ribeira Sacra volverá a ter un destacado protagonismo, algo que nos ten levado a esas cifras históricas de turismo na nosa provincia, tendo a Ribeira Sacra como obxectivo dos visitantes en moitos casos». 

Manuel Baltar, quen agradeceu a presenza de Javier Guillén dixo que estes datos tan positivos no ámbito do turismo para a provincia de Ourense «débense en gran medida á proxección mediática e ao que representa a Vuelta, así como ao seguimento que se fai desta proba ciclista», con millóns de espectadores e unha cobertura informativa que abrangue 190 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados, unha caravana de 2.500 persoas que xeran en cada etapa un gasto diario de 250.000 euros, e un seguimento a través de Internet de 12 millóns de persoas. 

Pola súa banda, o director xeral da Vuelta salientou a «excelente relación da Vuelta coa Deputación de Ourense, e proba diso é que sempre que esta proba ten ocasión de vir a Galicia, unha das paradas obrigatorias é a provincia de Ourense». Javier Guillén explicou que a presentación da Vuelta 2020 terá lugar o vindeiro 17 de decembro. «Somos uns namorados da Ribeira Sacra e sempre que poidamos trataremos de situala no percorrido, e con elo colaboramos á promoción deste territorio, que ten un grande atractivo deportivo».

Nota de prensa de la Deputación Provincial de Ourense